Belén do Campo destaca o investimento de 35.000€ executado no centro rural de Coirós realizado coas axudas da Xunta de mellora de infraestruturas de uso público
A delegada visitou Coirós para comprobar a obra realizada no marco desta medida, que impulsou 7 proxectos municipais na comarca de Betanzos en 2024
Coirós (A Coruña), 28 de febreiro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitou este municipio para comprobar as melloras executadas no centro rural deste Concello co apoio da Xunta. A través da orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego destinou máis de 35.000 euros a renovación deste centro no 2024.
As obras consistiron na mellora deste edificio, de 210 m2 en planta, empezando polo peche perimetral a base de madeira, acristalamento de metacrilato e persianas motorizadas o que permite a adecuada interrelación entre o espazo cuberto interior e a área exterior para eventos públicos importantes. Ademais, levouse a cabo a mellora de cuberta sandwich deteriorada incluíndo a súa limpeza e pintura e a propia estrutura metálica inferior, mediante limpeza e eliminación de corrosión e pintando. A actuación tamén contemplou a instalación eléctrica tanto de forza como de iluminación e a adquisición de material auxiliar.
Con motivo desta visita, a representante do Goberno autonómico informou que as axudas desta liña para este ano está dotada con 3,5 millóns de euros. Segundo sinalou, trátase dunha medida enmarcada no compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes.
As achegas concedidas a través desta orde cobren ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Así, a convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
O pasado ano esta medida permitiu impulsar 7 proxectos municipais na comarca de Betanzos (Coirós, Oza-Cesuras, Vilasantar, Curtis, Miño, Irixoa e Vilarmaior ) por un importe de preto de 248.000 euros.