A Xunta traslada ao alcalde de Poio o seu compromiso co desenvolvemento industrial do municipio

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo hoxe unha reunión de traballo co rexedor pontevedrés, Ángel Moldes, para abordar polo miúdo a situación do parque empresarial de Fragamoreira

Poio (Pontevedra), 28 de febreiro de 2025

A Xunta e o concello de Poio mantiveron hoxe unha reunión de traballo na que o Goberno galego aproveitou para reafirmar o seu compromiso co desenvolvemento industrial do municipio.

No encontro, no que participaron a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e o rexedor do concello pontevedrés, Ángel Moldes, analizouse polo miúdo a situación do parque empresarial de Fragamoreira que a Xunta está a promover en Poio cunha superficie de 386.513 m², e abordouse o seu desenvolvemento urbanístico.

Trátase en definitiva, de colaborar e traballar xuntas ambas as dúas Administracións galegas para dar resposta á demanda de solo industrial que existe na comarca de Pontevedra, toda vez que un dos obxectivos do Goberno galego é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial e promover o crecemento das que xa están implantadas en Galicia.

O parque empresarial de Fragamoreira está localizado nun lugar idóneo e estratéxico, ao carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, Vilagarcía e á comarca do Salnés.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2025