A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá a xoiería Rosende, beneficiaria da pasada convocatoria

Martina Aneiros anima a solicitar as novas achegas da Xunta para o impulso da innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal

Esta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta cun orzamento de 3,9 M€ para este ano

O prazo para solicitar estas subvencións remata o próximo 26 de marzo

Ferrol, 4 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a xoiería Rosende, en Ferrol, que vén de incorporar novas ferramentas ao seu proceso de fabricación artesanal e venta de obxectos de xoiería grazas ás axudas da Xunta para impulsar a dixitalización, a innovación e a sostibilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos.

Concretamente, o negocio adquiriu un láser óptico de fibra para o corte, marcaxe e gravado das súas pezas artesanais; así como uns novos módulos expositores para as xoias, unha báscula de pesado e un par de cámaras de videovixilancia de maior calidade.

A delegada territorial explicou que Xoiería Rosende foi un dos beneficiarios da pasada convocatoria desta orde de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dirixida ao comercio retallista e obradoiros artesanais. Ten aberto ata o próximo 26 de marzo o prazo de solicitude e conta este ano cun orzamento de 3,9 M€.

A convocatoria conta con tres liñas de axudas, a de dixitalización e innovación comercial dentro da que se financiarán actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital ou loxística e-commerce, entre outros servizos. A través da liña de modernización comercial sufragaranse aquelas actuacións dirixidas á mellora da imaxe, eficiencia do local e os recursos e calidade do produto final como obras de reforma, proxectos de interiorismo ou adquisición de maquinaria. Finalmente, coa liña de sostibilidade ambiental financiaranse as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe.

Aneiros indicou que, nos tres casos, a intensidade da subvención será do 80% do investimento máximo subvencionable, unha das novidades introducidas na convocatoria deste ano coa que o Goberno galego pretende garantir a competitividade no sector. Lembrou tamén que a esta liña de axudas se suman outros apoios como os 2,5 M€ para impulsar as actividades nos centros comerciais abertos de Galicia cuxa convocatoria está aberta ata o 19 de marzo, así como as accións para o impulso da rede de Mercados Excelentes a través da nova orde dotada con 3,3 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2025