A Xunta destaca o papel clave das graduadas e graduados sociais a prol da igualdade e da equidade nas relacións laborais

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura no Congreso do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España e de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia

Recoñeceu o papel que os profesionais deste sector desempeñan como nexo entre empresas, traballadores e administracións, esencial para garantir que a igualdade non sexa só un principio teórico, senón unha realidade no día a día das relacións laborais

Destacou os convenios vixentes entre o Goberno galego e os tres colexios de Galicia para ofrecer á cidadanía orientación gratuíta xurídico-laboral, incluída a referida a temas de igualdade, discriminación ou acoso no lugar de traballo

Reafirmou o firme compromiso do Executivo galego con promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes no contexto laboral, destacando medidas orientadas á formación ou incentivos á contratación

Pablo Fernández destacou a boa acollida do Campus en liña de igualdade laboral no que o 75% das 8.000 persoas adheridas participaron nalgunha das 95 accións formativas levadas a cabo entre 2021 -ano do seu nacemento- e 2024

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura no Congreso do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España e de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia, unha cita que, con motivo do Día Internacional das Mulleres, reuniu en Santiago a profesionais, estudantes e empresas do sector para dialogar sobre a igualdade e a equidade nas relacións laborais.

O secretario seral puxo en valor que encontros como o de hoxe son fundamentais para seguir avanzando na construción dun mercado laboral máis xusto e inclusivo. Así, recoñeceu o papel que as graduadas e graduados sociais desempeñan como nexo entre empresas, traballadores e administracións, esencial para garantir que a igualdade entre mulleres e homes non sexa só un principio teórico, senón unha realidade no día a día das relacións laborais. Neste marco, destacou os convenios de colaboración vixentes entre o Goberno galego e os tres colexios oficiais de Galicia (A Coruña-Ourense, Lugo e Pontevedra) co obxectivo de ofrecer á cidadanía un servizo gratuíto de orientación xurídica-laboral e que se estende tamén a aqueles referidos á igualdade, discriminación ou acoso no lugar de traballo.

Asemade, durante a súa intervención Pablo Fernández reafirmou o firme compromiso do Executivo galego coa equidade no eido laboral, destacando, entre outras medidas, a efectividade do plan formativo do Campus en liña en materia de igualdade laboral ou o futuro decreto polo que se regulará a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do 3º sector recoñecidas con este selo, que vén de ser analizado no Consello da Xunta de cara ao seu ditame polo Consello Consultivo.

En relación co Campus en liña de igualdade laboral, que se puxo en marcha a finais de 2021, o secretario xeral de Emprego salientou a boa acollida desta iniciativa que busca sensibilizar e capacitar á sociedade en temáticas clave como a conciliación e corresponsabilidade, o rexistro retributivo, o acoso laboral ou o teletraballo, entre outras. De feito, na actualidade conta cunhas 8.000 persoas adheridas das que o 75% participaron nalgunha das 95 accións formativas levadas a cabo entre o 2021 e 2024. Neste tempo, destaca a participación de persoas traballadoras por conta allea que ocupan un posto técnico ou directivo nas súas empresas e as persoas participantes pertencen, fundamentalmente, aos sectores de servizos profesionais,  agroalimentario e industrial. Ademais, está a desenvolver unha programación de 26 accións formativas e a el accédese a través do portal https://aigualdadelaboral.gal

En paralelo, para seguir afianzando a presenza da muller no mercado laboral, salientou actuacións estratéxicas no marco das políticas activas de emprego da Xunta. Entre elas mencionou o programa Galicia Emprega, dotado cun orzamento global de 20M€ para favorecer a empregabilidade de colectivos prioritarios e que conta cunha liña específica para mulleres (7M€) e outra adicional para promover a presenza feminina en sectores masculinizados (1,7M€). Accións coma esta, resaltou, contribúen a feitos como que Galicia rexistrou no 2024 o máximo pico de mulleres afiliadas das serie histórica, con 533.647 persoas, e a menor taxa de paro desde 2008, tal e como reflicte o informe As mulleres no mercado de traballo do ano 2024, elaborado polo Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo e feito público esta semana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2025