Medio Rural salienta as novas axudas para gandeiros de razas autóctonas e produtores en ecolóxico incluídas na PAC 2025

María José Gómez visitou hoxe o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, situado no Pazo de Fontefiz en Coles (Ourense), que é responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento destas razas

Destacou que Galicia conta con máis de 75.500 animais bovinos e doutras especies autóctonas recoñecidas na nosa comunidade

Ademais, salientou o compromiso do Goberno galego polo fomento destas razas con liñas de actuación que suporán un esforzo orzamentario de máis de 1 millóns de euros neste 2025

Coles (Ourense), 7 de marzo de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, situado no Pazo de Fontefiz do concello ourensá de Coles, que é o responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento das razas autóctonas gandeiras galegas en perigo de extinción.

Na visita, a titular do departamento salientou que a nova campaña da Política Agraria Común (PAC) para este 2025 inclúe axudas específicas para agricultores e gandeiros que se incorporen á actividade da produción en ecolóxico e de razas autóctonas en risco de erosión xenética, cun investimento de 800.000 euros para ambas liñas.

Sobre as razas autóctonas, María José Gómez resaltou que Galicia conta con ata seis razas diferentes bovinas -Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega- ás que se lles sumas outras cinco de diferentes especies -Ovella galega, Cabra galega, Porco celta, Cabalo de Pura Raza Galega e Galiña de Mos-. En total, resumiu, o censo de razas autóctonas suma máis de 75.500 animais.

María José Gómez tamén quixo poñer en valor o apoio do Goberno galego a estas razas autóctonas a través de liñas de actuación como os convenios coas asociacións sectoriais para promovelas e tamén con axudas específicas para o seu fomento a través dos criadores. En resumo, o esforzo orzamentario por parte da Administración autonómica a prol das razas autóctonas é de máis de 1 millón de euros neste 2025.

Esta mesma semana abriuse o prazo de solicitude da nova campaña da PAC para este ano, unhas axudas que a conselleira do Medio Rural cualificou como “claves” para o agro galego. Neste sentido, destacou que conta cun orzamento previsto de 224 millóns de euros cos que se beneficiará uns 23.000 agricultores e gandeiros galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2025