Medio Rural aposta pola transformación do leite en Galicia para darlle valor engadido ao produto

A conselleira María José Gómez participou hoxe na presentación do novo leite “Únicla A2” de Clun

Neste acto volveu avogar polo traballo conxunto de todos os axentes da cadea de valor do leite para que os gandeiros perciban un prezo axeitado polo seu labor e reafirmou o compromiso de traballo da Xunta nesta mesma liña

Salientou que a industria láctea se caracteriza por estar á vangarda en investigación para mellorar as calidades que, de por si, xa ten o leite, e tamén para adaptarse á demanda dun mercado cada vez máis esixente

Ames (A Coruña), 13 de marzo de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalou hoxe que un dos empeños do seu departamento é conseguir que a maioría do leite producido en Galicia se transforme na comunidade. Ese, trasladou, é o xeito de dar valor engadido ao produto e tamén de que os gandeiros galegos reciban un mellor prezo polo leite, ademais de supoñer un pulo para a economía galega no seu conxunto.

A conselleira fixo estas valoracións durante a súa intervención na presentación do novo leite “Únicla A2” de Clun, acto que tivo lugar nas instalacións da cooperativa en Ames e no que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Ademais, María José Gómez destacou que actualmente xa se transforma en Galicia máis do 63% do leite que se produce na nosa comunidade e que se está moi preto de conseguir o obxectivo do 75%, marcado na Estratexia de dinamización do sector.

En relación cos prezos, insistiu en que é “imprescindible” que todos os axentes da cadea de valor do leite traballen conxuntamente para que os produtores perciban unha remuneración axeitada polo seu labor, que lles permita cubrir os custos de produción e ter marxe de beneficio. E reafirmou o compromiso de traballo da Xunta nesta mesma liña.

Por iso, engadiu, a Xunta recibe con agrado a suba de entre 1 e 3 céntimos por parte dalgunhas empresas aos produtores, malia que tamén advertiu que o Goberno galego “non se resigna” a que o leite galego teña, tanto pola súa excelente calidade como polas súas condicións hixiénico-sanitarias, un prezo máis baixo que noutras comunidades. Polo tanto, remarcou, “non pararemos ata conseguir reducir o diferencial”.

Importancia do cooperativismo

No mesmo sentido, a conselleira indicou que ter unha base cooperativa potente fai que o sector produtor estea en disposición de exercer maior presión comercial e conseguir unhas mellores condicións económicas para os cooperativistas. No contexto dunha sociedade de referencia no sector como Clun, destacou a importancia do cooperativismo, na medida en que impulsa a creación dun rural “profesionalizado e con futuro”.

Sobre o leite “Únicla A2” presentado neste acto, Gómez valorou que a industria láctea se caracteriza por estar á vangarda en investigación para mellorar as calidades que, de por si, xa ten o leite, e tamén para adaptarse á demanda dun mercado cada vez máis esixente. Froito deste traballo, salientou a conselleira, xorden produtos como o anunciado hoxe, que non só engade a proteína A2 que a fai máis dixestiva, senón que é unha opción para que os consumidores que experimentan molestias coa dixestión do leite, poidan consumilo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2025