A Xunta concede 250.000 euros en axudas para o establecemento de persoas agricultoras menores de 40 anos en varios municipios do Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá en Ortigueira a explotación de Francisca Santana, unha das seis beneficiarias da zona desta orde de subvencións da Consellería do Medio Rural

Avanzou que o Goberno galego publicará proximamente a convocatoria deste ano para seguir fomentando a incorporación das mozas e mozos ao agro

Ortigueira (A Coruña), 14 de marzo de 2025

A Xunta concedeu axudas por valor de 250.000 euros para o establecemento de seis persoas agricultoras en varios municipios da comarca do Ortegal. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, visitou esta mañá en Espasante a Francisca Santana, unha das beneficiarias desta orde de axudas da Consellería do Medio Rural.

En concreto, esta veciña ortegana incorporouse a unha explotación gandeira con orientación produtiva de vacún de carne de 21,9 hectáreas de superficie que dedica maioritariamente a cultivos forraxeiros. A través desta convocatoria percibiu unha achega de 60.000 euros.

Con esta liña de axudas destinada a menores de 41 anos, “o Goberno galego procura conseguir un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural”, sinalou a delegada territorial.

Durante a visita, Aneiros avanzou que a Xunta publicará proximamente a nova convocatoria de axudas para seguir fomentando a incorporación das mozas e mozos ao agro que contemplarán, ademais, os plans de mellora vinculados. Desta forma, darase prioridade ás persoas mozas que soliciten incorporación ou que, tendo axuda xa aprobada, non dispoñan polo de agora de plan de mellora, para que así poidan levar adiante o seu proxecto.

Incidiu en que a remuda xeracional do agro galego é unha prioridade para a Xunta que traballa con propostas que ofrezan oportunidades aos mozos ademais de impulsar outras medidas como coma o Banco de explotacións, que se está ultimando, ou os programas de titorización, para acompañar aos mozos no seu proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2025