A Xunta investirá máis de 355.000 € na construcción dunha glorieta e mellora do firme na zona de acceso a Cequeliños, no concello de Arbo
Os traballos permitirán ampliar os carrís deste tramo da antiga PO-400, que agora contarán cun ancho mínimo de 3 metros
Varios veciños achegáronse ata o punto onde se vai construír a glorieta para escoitar as explicacións dos técnicos da consellería de Planificación de Infraestruturas e Vivenda
Pontevedra, 14 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, achegouse esta mañá ata o concello de Arbo acompañado polo seu alcalde, Horacio Gil, para anunciar que a Xunta saca a licitación unha obra de mellora de intersección na PO-400.
En concreto, os traballos levaranse a cabo na zona que vai do acceso a Mandelos ata o acceso ao lugar de Cequeliños e consistirán na instalación dunha glorieta de 15 metros de radio que permitirá aliviar o tráfico desta zona e reordenar as interseccións próximas.
As actuacións tamén permitirán mellorar o trazado da antiga PO-400, ampliando os carrís ata os tres metros de ancho, así como as beiravías, que contarán cun ancho de entre 0,3 e 0,5 metros, dependendo da zona. Ademais, rehabilitarase o pavimento en todo o trazado.
O proxecto, que contará cun orzamento de máis de 355.000 euros, permitirán mellorar a comodidade dos condutores que pasan pola zona, pero tamén a seguridade dos veciños e veciñas da zona, que hoxe se achegaron ata o punto onde se vai realizar a rotonda para escoitar as explicacións dos técnicos da consellería.
O delegado territorial aproveitou a xuntanza para agradecer á veciñanza a sua comprensibilidade e destacar “o gran traballo que se levou a cabo dende a consellería e coa colaboración continua do alcalde para que esta obra poida ser unha realidade”.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 9 de abril para presentar a súa proposta.