Medio Rural reafirma no concello ourensán da Veiga a súa aposta polos produtos de proximidade do agro
A conselleira, María José Gómez, visitou diferentes centros relacionados coa posta en valor das producións locais, que definiu como claves no desenvolvemento e dinamización da súa economía
A Xunta destinou máis de 350.000 euros á posta en marcha da aldea modelo de Meixide, neste termo municipal, e vén colaborando co Concello en materia de fomento forestal e de defensa contra incendios
A Veiga (Ourense), 18 de marzo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe a aposta da Xunta de Galicia polos produtos de proximidade do agro como factores clave de desenvolvemento e dinamización das economías locais. Nesta liña, subliñou o esforzo do seu departamento en materia de formación e divulgación relacionadas con estas producións, un pulo que se canaliza fundamentalmente a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e tamén por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Precisamente os responsables de ambas entidades, Martín Alemparte e Paz Rodríguez, respectivamente, acompañaron hoxe á conselleira nunha visita á Veiga, na que estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde da localidade, Juan Anta.
Neste percorrido, as autoridades visitaron o obradoiro de elaboración de arandos e puxeron en valor o Centro de Extracción e Envasado de Mel deste concello, único local de Galicia destas características de uso comunitario que é empregado por unha vintena de produtores adheridos ao programa montañas de Trevinca. Nesta localidade, ademais, elabórase mel amparado pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. A visita tamén serviu para coñecer, por parte dos responsables da Xunta, o centro de desenvolvemento rural A Veiga, un espazo activo de comercialización e formación para produtores locais.
Neste acto, a conselleira lembrou ademais que A Veiga conta cunha aldea modelo, a de Meixide, que abrangue unha superficie de preto de 77 hectáreas e que integra máis de 640 parcelas de 150 propietarios nunha zona caracterizada polo pastoreo, as terras de labor de secano e asociación entre coníferas e frondosas.
A Consellería do Medio Rural investiu na creación e desenvolvemento desta aldea modelo máis de 350.000 euros, uns fondos destinados tanto a súa posta en marcha, cunha explotación de gando en extensivo, como á mellora da súa contorna urbana.
Así mesmo, María José Gómez destacou a colaboración entre o seu departamento e o Concello da Veiga en materia forestal, tanto no que atinxe á posta en valor dos seus recursos como no eido da defensa do monte, en particular no terreo da prevención e loita contra os incendios forestais.