Lete Lasa defende un “deporte plural para todos e para todas” nas xornadas de deporte adaptado de Enki en Pontevedra

O secretario xeral agradeceu o traballo da Fundación Enki que, en 2023, foi recoñecida co Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa

Pontevedra, 20 de marzo de 2025

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) nas Xornadas de Sensibilización en Centros Educativos sobre deporte inclusivo organizadas pola Fundación Enki e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. En total, 29 centros educativos e máis de 1.200 nenos e nenas participarán nestas xornadas.

O secretario xeral destacou aos 35 deportistas olímpicos e 3 paralímpicos que saíron do CGTD e puxo en valor o botín de 37 medallas e 59 diplomas que teñen conseguido os 31 deportistas galegos nos Xogos Paralímpicos dende Sídney. Neste sentido apuntou que a conversión do CGTD nun Centro de Alto Rendemento será unha actuación fundamental para que estes resultados sigan a medrar.

Lete Lasa gabou esta iniciativa que reforza o traballo da Xunta en prol do deporte adaptado e inclusivo como demostra o Programa Xogade que xunta a oferta deportiva federada e escolar para os rapaces entre 6 e 16 anos e que garante a participación de todas as persoas con diversidade funcional. O mandatario galego asegurou aos rapaces e rapazas que actividades coma estas transmiten valores tan importantes como “a tolerancia, o respecto, a resiliencia e a capacidade de superación” e lembrou aos máis pequenos que o deporte é “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas”.

Lete Lasa agradeceu o traballo da Fundación Enki que, en 2023 foi recoñecida co Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025