O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, ofreceu un coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia sobre os retos do emprego na comunidade

A Xunta destaca a folla de ruta deseñada en Galicia para abordar desde a colaboración público-privada retos como as vacantes ou o absentismo inxustificado

Sendo Galicia unha das CCAA con maiores taxas de absentismo, González avanzou que se afonda no Diálogo Social nas causas destes diferenciais, para distinguir entre xustificado e non xustificado, blindar dereitos e favorecer a competitividade

Outro desafío do mercado laboral ao que se referiu é a falta de man de obra en sectores estratéxicos, para o que Galicia traballa en medidas destinadas a potenciar a forza laboral interna e en captar talento exterior co foco principalmente no retorno

Dentro de Galicia, destacou a modernización do SPEG e neste eido a ferramenta EMi para casar oferta e demanda laboral, así como a aposta pola formación flexible á carta das empresas, ámbito no que impulsará un decreto de microcredenciais pioneiro

En canto á atracción de talento centrada na diáspora, salientou as medidas da Estratexia Galicia Retorna, con programas como o Retorna Cualifica Emprego, e a boa acollida que tiveron as feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai

Vigo, 20 de marzo de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor a potente folla de ruta deseñada pola Xunta para abordar, desde a colaboración público-privada, os desafíos do mercado laboral, entre eles a cobertura de vacantes e o absentismo non xustificado. Neste sentido, subliñou a importancia do Diálogo Social con todos os axentes do tecido produtivo para abordalos co fin de favorecer, con políticas activas de emprego, a consolidación dun mercado laboral dinámico e inclusivo, apostando por un crecemento económico intelixente. Así o expuxo en Vigo no coloquio Retos do emprego en Galicia, dentro da 3ª edición da xornada #MAPA_E do Círculo de Empresarios de Galicia, na que tamén participaron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás, e ao que asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

En canto á cobertura de vacantes, sinalou que a Xunta traballa, atendendo ás recomendacións da UE, para potenciar a forza laboral interna e, ao mesmo tempo, para captar talento do exterior poñendo o foco no retorno dos emigrantes galegos. No caso da retención do talento interno, o conselleiro puxo de relevo a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia con actuacións como o software EMi, dispoñible nas oficinas de emprego para casar oferta e demanda laboral. Ademais, Galicia aposta pola formación flexible á carta das empresas en liña do que promove Bruxelas e, de feito, impulsará un decreto de microcredenciais pioneiro en España do que acaba de iniciar a tramitación, tal e como se informou esta mesma semana ao Consello da Xunta.

Programa de captación de talento

En canto ao programa de captación de talento da Xunta, remarcou as medidas para os galegos do exterior -incluídas na Estratexia Galicia Retorna- como o Retorna Cualifica Emprego (2,3M€), que prevé atraer este ano 200 persoas galegas menores de 55 anos. Neste campo, puxo de relevo a boa acollida das feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai para atraer persoas cualificadas da man das empresas galegas. Ademais, sinalou que o Executivo autonómico promoverá accións para atraer talento de terceiros países, sempre da man das empresas e en colaboración coas embaixadas. 

Absentismo laboral

José González tamén se referiu ao reto do absentismo laboral non xustificado, sobre o que subliñou que se trata dunha das preocupacións prioritarias en relación ao tecido empresarial. De feito, lembrou que o Executivo autonómico – en coordinación co traballo que está a realizar a Consellería de Sanidade- xa presentou as primeiras conclusións dun informe técnico realizado por expertos das universidades de Santiago e de Vigo, e no que se sigue afondando de xeito transversal entre o Goberno galego, empresas, traballadores e expertos no marco do grupo de traballo creado dentro do Diálogo Social. O fin é identificar as causas dos diferenciais galegos e ver ata que punto son modificables -tendo en conta que os factores empregados habitualmente non explican o fenómeno no seu conxunto, como sinala a citada investigación- para blindar os dereitos dos traballadores e favorecer a competitividade das empresas.

Este informe, que serve de punto de partida, reflicte que Galicia é unha das comunidades con máis taxas de absentismo, superando en todos os indicadores significativamente a media estatal, entre eles o da duración, que case a duplica. Ademais, recolle que o absentismo ten un custo total anual en Galicia, con datos do 2023, de preto de 850M€ para a Seguridade Social e de máis de 782M€ para as empresas galegas.

Para abordar estes desafíos, o conselleiro insistiu na necesidade de colaboración do Goberno, tal e como lle ten solicitado para distintas cuestións relacionadas coa axilización de trámites burocráticos para a inserción sociolaboral dos traballadores estranxeiros captados da man das empresas e a homologación de títulos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025