A Xunta subvenciona con 36.000 euros a renovación do edificio da casa consistorial e dos servizos sociais do Concello de Ribadumia
Na comarca do Salnés tamén se beneficiaron desta liña de axudas os concellos de Meaño e Sanxenxo
A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local e beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra por importe total de máis de 520.000 euros
Ribadumia (Pontevedra), 24 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora da casa consistorial e dos servizos sociais do concello de Ribadumia.
Estes traballos, que contan cunha achega da Xunta de preto de 36.000 euros, permitiron mellorar as instalacións da Casa do Concello e do local dos servizos sociais municipais. Así, na Casa Consistorial ampliouse a instalación eléctrica, renovando os sistemas do edificio de forma a mellorar a eficiencia enerxética do mesmo. Ademais instalouse un armario para albergar o cadro eléctrico. Tamén se actuou na zona traseira do exterior do edificio, onde se levaron a cabo traballos de saneado e pavimentación que facilitarán o acceso aos responsables do mantemento das instalacións térmicas.
Pola súa banda, no edificio dos servizos sociais procedeuse á instalación dun sistema de climatización por aerotermia que mellorou as condicións de traballo dos traballadores e traballadoras municipais.
A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local que, na convocatoria do 2024, beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra por valor de máis de 520.000 euros. Na comarca do Salnés recibiron esta subvención, ademais de Ribadumia, os concellos de Meaño e Sanxenxo. O investimento total desta liña de axudas nesta comarca foi de preto de preto de 100.000 euros.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de manter “este tipo de liñas de colaboración entre institucións, porque solo desta forma conseguiremos mellorar as infraestruturas e a calidade de vida da que gozan todos os galegos e galegas”.