A Xunta presenta aos centros educativos da área territorial de Ferrol un xogo de mesa sobre emprendemento orientado a alumnado de secundaria
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron no acto que tivo lugar na Delegación Territorial
Esta proposta lúdico-formativa ten por obxectivo que cada equipo participantes cree un mapa mental de negocio a través de distintas fases
Ferrol, 27 de marzo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, presentou esta mañá aos centros educativos da área territorial un xogo de emprendemento realizado pola editorial de xogos de mesa Buscalume co apoio da Xunta para difundir a cultura emprendedora nas aulas de Educación Secundaria.
Martina Aneiros explicou que o proxecto, que estivo asesorado pola Rede de Polos de Emprendemento da Xunta, será distribuído entre os centros educativos de toda Galicia. Destacou a oportunidade que supón este xogo para que os estudantes desenvolvan “competencias esenciais como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a toma de decisións” e puxo en valor a aposta do Goberno galego pola promoción da ”cultura emprendedora nas aulas a través de proxectos coma este ou o Plan Eduemprende".
O obxectivo deste novo xogo de mesa é que cada equipo participante cree un mapa mental de negocio a través de tres fases. A primeira é a fase da idea e nela os participantes debaten o tipo de proxecto a desenvolver dentro dos sectores que lle propoñen. A segunda fase é a da negociación e nela xógase con cartas de recursos e de materiais e os grupos deberán chegar a acordos para intercambialas en función dos intereses dos seus proxectos. Por último acádase a fase de decisión, na que os participantes deberán completar ao mapa mental proposto.
A delegada territorial resumiu a proposta como “unha oportunidade de fomentar a competitividade saudable entre os equipos á vez que se promove o espírito da colaboración, as habilidades de negociación e as capacidades de adaptarse e reaccionar fronte aos imprevistos” e animou aos centros educativos a sacarlle o maior rendemento a esta nova ferramenta.
Esta iniciativa, xunto a outras xa en marcha como o concurso Eduemprende Idea ou o proxecto Fixar para atraer nómades dixitais ás zonas rurais, forma parte da estratexia global de emprendemento á que o Goberno galego destina este ano un orzamento de 32 millóns de euros.