O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe no acto de entrega de diplomas e de balance das actividades da área de emprego de Cáritas de Santiago no 2024
A Xunta enxalza o labor de Cáritas a prol da inserción sociolaboral das persoas con máis dificultades para atopar un traballo
José González subliñou que este traballo da entidade tamén axuda as empresas de certos sectores a facer fronte á cobertura de vacantes e que exemplifica os froitos da colaboración público-privada para mellorar a empregabilidade
Dentro da colaboración do Goberno galego con Cáritas, destacou o programa de arraigamento para integración ordenada de persoas migrantes en situación irregular por vía das microformacións, do que está en vigor a segunda edición
Lamentou que o Goberno central desbotase as microcredenciais como vía para a integración socioformativa no novo Regulamento de estranxeiría e sinalou que a comunidade seguirá traballando para garantir o futuro desta iniciativa
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o importante labor de acompañamento que realiza Cáritas a prol da inserción sociolaboral das persoas con máis dificultades para atopar un traballo e, ao mesmo tempo, para axudar a empresas de certos sectores a facer fronte a retos como o da cobertura de vacantes. Así o sinalou no marco do acto de entrega de diplomas e balance das actividades de 2024 da área de emprego de Cáritas en Santiago, no que tamén participaron a directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Pilar Farjas, e o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto.
Este traballo de Cáritas de Santiago favoreceu a inserción laboral de preto de 590 persoas, fronte as case 530 do exercicio anterior a través do programa de Emprego e Inmigración de Cáritas Diocesana de Santiago. No seu conxunto foron atendidas neste programa máis de 1.620 persoas, das que o 57 % eran novas usuarias e a bolsa de emprego desta entidade contou coa colaboración de 65 empresas de sectores como a hostalaría, o comercio, a limpeza ou o educativo, entre outros.
Neste sentido, o conselleiro agradeceu a contribución desta entidade e a disposición das empresas colaboradoras nas súas accións formativas e felicitou ao alumnado que obtivo os diplomas. Ademais, sinalou que estas accións exemplifican os froitos da colaboración público-privada para mellorar empregabilidade e a capacitación profesional das persoas con máis dificultades de acceso ao mundo laboral. Un ámbito prioritario, subliñou, nas medidas que desenvolve o Goberno galego e puxo como exemplo as destinadas a incentivar a contratación entre estes colectivos prioritarios nas políticas de emprego e as de formación laboral.
Programa de arraigamento
Neste último campo referiuse aos convenios de colaboración para o desenvolvemento do programa de arraigamento co que se promove -sempre de xeito ordenado e da man das empresas- a integración de persoas migrantes en situación irregular por vía das microformacións, na liña do que recomenda a UE, e no que, entre as entidades participantes, están Cáritas Federadas en Galicia e Cáritas Diocesana de Lugo. Esta iniciativa, afondou o conselleiro, vai pola segunda edición e con ela está previsto beneficiar 180 persoas. Deste xeito, o Executivo galego dá continuidade á primeira edición na que, dos máis de 100 participantes, o 100% das que recibiron microcredenciais conseguiron permiso de residencia e arredor dun 70% acadaron un traballo indefinido.
Isto mostra, expuxo José González, o éxito desta iniciativa baseada nas microcredenciais, ao tempo que lamentou que esta tipoloxía de formación fose desbotada polo Goberno central no novo Regulamento de estranxeiría malia as alegacións presentadas por Galicia. Neste sentido, sinalou que a comunidade galega seguirá insistindo ao Executivo estatal nesta liña e traballando a prol de garantir o futuro desta iniciativa, sempre da man das entidades do terceiro sector como Cáritas e coa vontade de contribuír a un mercado laboral inclusivo e con emprego de calidade, así como á produtividade empresarial.