A Xunta solicita autorización á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para acometer traballos de limpeza na Ponte Vella de Ourense

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén está a recabar autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Os traballos levaranse a cabo previsiblemente en xuño e consistirán na retirada manual da vexetación nos paramentos e na limpeza das xuntas 

As actuacións realizaranse empregando ferramentas e medios manuais e sen afeccións nin á ponte nin ao río Miño

Estas intervencións complementarán ás que se están a executar na contorna da ponte, como a nova escaleira de baixada ao paseo do Miño no lado norte

Os traballos sumaranse á pavimentación do entronque da ponte coa avenida das Caldas, case rematada, e á mellora da iluminación na ponte e na zona da capela dos Remedios

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2025

A Xunta solicita autorización á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar traballos de limpeza de vexetación na Ponte Vella de Ourense. Ademais tamén se está a recabar autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acometerá, previsiblemente no vindeiro mes de xuño, estas actuacións de mantemento nos paramentos e tallamares da ponte.

Trátase da retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como da limpeza das xuntas coa eliminación da terra e raíces.

Os traballos levaranse a cabo de xeito vertical e sen realizar perforacións, empregando ferramentas e medios manuais e sen afeccións á ponte nin ao río Miño.

Estas intervencións complementarán ás de mellora que se están a executar na súa contorna, como a nova escaleira conformada de baixada ao paseo do Miño no lado norte.

Os traballos tamén se sumarán á pavimentación do entronque da ponte coa avenida das Caldas, practicamente rematada, e ás actuacións de posta en valor e mellora da iluminación executadas nos anos anteriores na ponte e na zona da capela dos Remedios.

Data de actualización: 29/03/2025