O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, percorreron parte do novo itinerario

A nova senda peonil e ciclista entre a Intermodal e San Caetano sitúa Santiago á altura das cidades europeas referentes en mobilidade sostible

A Xunta pon en servizo este treito do Eixo de Mobilidade Sostible de Santiago, que conta con 3,3 km de itinerario e no que se invisten 2,4M€

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes enmarcou a actuación na Estratexia Galega de Mobilidade, a folla de ruta para favorecer a sostibibilidade nos desprazamentos e transformar os patróns de mobilidade

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou a aposta da Xunta por estes itinerarios “accesibles e integradores, que fan máis humanas e saudables as cidades, animándonos a desfrutalas camiñando ou en bicicleta, cunha convivencia segura”

A senda comunica a Intermodal con San Caetano conectando varios espazos de interese da cidade compostelá, como as Brañas do Sar, o barrio de Fontiñas, centros formativos e deportivos ou áreas comerciais

O percorrido aberto nesta xornada pode realizarse en bicicleta en tan só 12 minutos

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2025

Santiago xa ten en servizo un novo itinerario peonil e ciclista que une a Estación Intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, cun percorrido de 3,3Km e un investimento de ao redor de 2,4 millóns de euros. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, participaron hoxe nun percorrido por parte desta nova senda acompañados pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, así como de representantes dos colectivos Cogami e Composcleta.

A senda aberta hoxe comunica a Intermodal con San Caetano conectando varios espazos de interese da cidade compostelá, como as Brañas do Sar, o barrio de Fontiñas, centros formativos e deportivos ou áreas comerciais. Un percorrido que pode realizarse en bicicleta en tan só 12 minutos.

O itinerario cumpre os principios de deseño de continuidade, a seguridade, a limitación na pendente, o ancho suficiente ou un pavimento transitable. Todo testado ademais por colectivos como Cogami e Composcleta.

Aínda que o treito está aberto, a Xunta traballa nunha última parte, de xeito que prevé que o itinerario estea completamente rematado no vindeiro verán. Así, queda só a construción das ramplas na parte máis baixa da avenida de Lugo para acceder ao paso inferior baixo a SC-20 e o ferrocarril. Unha actuación que conecta coa senda que se pon en servizo, pero que se executa de modo independente, e cunha complexidade especial polos moitos servizos que hai nese punto.  

O itinerario aberto é parte do Eixo de Mobilidade Sostible de Santiago que, unha vez que estea rematado unirá Milladoiro, a Intermodal, San Caetano e o Complexo Hospitalario Universitario. Un percorrido que vertebra a cidade e que suporá  case 10,5 km de itinerarios peonís e ciclistas e suporá un investimento de máis de 11M€, que a Xunta cofinancia con fondos europeos Next Generation.

O conselleiro de Presidencia referiuse ao esforzo que está a facer a Xunta para dotar a poboación de infraestruturas e dotacións que favorezan unha mobilidade sostible, como é o caso das sendas ou dos aparcadoiros disuasorios que se están a habilitar en distintos puntos de Galicia. Así, sinalou que neste ano se destinarán máis de 10 millóns de euros a estas actuacións a prol da redución do uso do vehículo particular.

A maiores, estase a fomentar o uso do transporte público coa mellora da accesibilidade e a conectividade das paradas de autobús, ao que se destinan neste exercicio 7,5 millóns de euros, así como coa intermodalidade das estacións, como a existente en Compostela. Segundo indicou Diego Calvo, trátase de medidas enmarcadas na Estratexia Galega de Mobilidade, a folla de ruta do Goberno galego ata 2050 co obxectivo de favorecer a sostibilidade nos desprazamentos, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade.

Pola súa banda, M. Allegue subliñou que a nova senda sitúa a Santiago de Compostela “á altura das cidades europeas referentes en materia de mobilidade sostible” e remarcou a aposta da Xunta por estes itinerarios “accesibles e integradores, que fan máis humanas e saudables as cidades, animándonos a desfrutalas camiñando ou en bicicleta”. “Son espazos, cunha convivencia segura entre peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida”, apuntou, ao tempo que agradeceu aos representantes de Composcleta e Cogami a súa colaboración nesta e noutras actuacións.

Engadiu que este compromiso da Xunta se estende ás estradas autonómicas ao seu paso polas vilas, nas que a Administración autonómica está a habilitar rutas accesibles  separadas da circulación rodada. Ata o momento, lévase xa case 300 km de sendas executadas e está en marcha unha nova fase para gañar outros 120km no horizonte do 2027. Este plan de sendas acadou o pasado ano o recoñecemento da UE coa concesión do premio á excelencia en seguridade viaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2025