A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Porto do Son coa renovación da súa iluminación cun investimento de 60.000 euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello para coñecer as accións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local
Na comarca do Barbanza 3 concellos recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta liña, o ano pasado, por un importe de case 163.000 euros
Porto do Son (A Coruña), 1 de abril de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Porto do Son, co seu alcalde, Luis Oujo, para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que contou cun apoio de 60.000 euros para levar a cabo a renovación da iluminación do seu campo de fútbol municipal Preguntoiro. Este centro deportivo conta cun total de 9 equipos e 168 licenzas federativas. A dotación deste fondo está destinada á realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal que se destinen á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias e vai dirixido a concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes.
Concretamente, esta axuda permitiulle ao Concello realizar unha reforma integral da iluminación. Con esta intervención logrouse unha solución eficiente nos elementos de sustentación das luminarias nas torres xa existentes de 18 metros de altura substituíndo os 16 focos actuais de 2.000 W por 20 luminarias de tecnoloxía LED
Esta intervención, aclarou Belén do Campo, tivo por obxectivo a diminución do consumo eléctrico en máis dun 54% o que supón un aforro para o Concello de máis de 4.000 euros ao ano, a mellora da eficiencia enerxética da instalación e a redución dos custos de mantemento debidos ao tipo de lámpadas empregadas, tendo en conta a longa vida útil da tecnoloxía LED empregada.
A representante do Goberno autonómico lembrou que na comarca do Barbanza recibiron estas achegas 3 concellos, o ano pasado, con axudas que suman 163.000 euros. Así, ademais de en Porto do Son financiáronse intervencións similares en Noia e Carnota.
A delegada incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.
Nova orde 2025
Na visita Belén do Campo informou que aínda está aberto o prazo para solicitar estas axudas a través da orde de concurrencia competitiva que establece os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional, que conta cunha dotación de 5 millóns de euros.
Así, a delegada animou aos concellos a solicitar estas axudas, para o que dispoñen ata o 14 de abril. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Segundo explicou, a medida vai dirixida aos concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes e ten como obxectivo financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en instalacións municipais, con prioridade para as deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais.
Tamén se valora o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores tense en conta as melloras dos elementos construtivos da envolvente térmica, as de instalación eléctrica ou as de iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
As achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto.