A Xunta amosa á Fundación COTEC as capacidades de Galicia en supercomputación e cuántica para contribuír ao avance da I+D+i galega
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visita o Cesga en compañía do director xeral da Fundación COTEC, Jorge Barrero
Estas tecnoloxías profundas están identificadas como iniciativas de alto impacto no novo Plan galego de investigación e innovación 25-27
Galicia é a comunidade autónoma que máis prioriza a I+D+i e a dixitalización nos fondos Next Generation que xestiona segundo un informe da Fundación COTEC
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, amosou esta mañá ao director xeral da Fundación COTEC, Jorge Barrero, e ao director de Economía e Finanzas da mesma, Aleix Pons, as infraestruturas do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), un centro clave na provisión de capacidade de supercomputación e servizos ás empresas e centros de coñecemento galegos.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP informou á dirección de COTEC da aposta que está a realizar Galicia pola supercomputación e as tecnoloxías profundas, como a cuántica e a IA, para contribuír ao avance da I+D+i en Galicia e á transformación profunda do noso tecido produtivo. De feito, estase a realizar un investimento de 56 millóns de euros nas infraestruturas do Cesga, con financiamento de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do PERTE Chip, para dotarse dun novo supercomputador, o Finisterrae IV; ampliar a capacidade de almacenamento; aumentar as capacidades en computación cuántica, e construír un novo edificio.
A directora da Axencia destacou que estas tecnoloxías están identificadas no novo Plan galego de investigación e innovación 25-27, que acaba de presentarse, como iniciativas de alto impacto polo seu efecto no avance do coñecemento e na transformación da economía galega, en liña coas prioridades estratéxicas da Unión Europea. Carmen Cotelo reafirmou así o seu carácter prioritario para situar a Galicia como unha comunidade referente en innovación a nivel nacional e internacional.
Por último, o director do Cesga, Lois Orosa, presentoulle aos representantes de COTEC algúns dos proxectos nos que están a colaborar con empresas e hubs na implantación de tecnoloxías como a IA ou a cuántica. Entre estes proxectos, explicoulles os que están a desenvolver con Finsa para a optimización de procesos produtivos usando métodos de intelixencia artificial; o uso das tecnoloxías cuánticas para o desenvolvemento de novos produtos en colaboración con Hijos de Rivera ou o desenvolvemento dun demostrador de datos para o sector biotecnolóxico en colaboración co hub de innovación dixital DATAlife.
Galicia, comunidade que máis prioriza a I+D+i e a dixitalización
Segundo o informe de COTEC sobre monitorización de fondos Next Generation destinados a actuacións de I+D+i e dixitalización en España publicado recentemente, Galicia é a comunidade autónoma que máis prioriza a I+D+i e a dixitalización nos fondos Next Generation que xestiona en porcentaxe acumulada ata xuño de 2024.
A Fundación COTEC é unha organización privada sen ánimo de lucro centrada en promover a innovación como motor de desenvolvemento económico e social e que destaca como observatorio da I+D+I en España e proporcionar análises e consellos en materia de innovación, tecnoloxía e economía.