María José Gómez destaca o papel da Feira Moexmu para potenciar e promocionar o sector agrogandeiro galego

A conselleira do Medio Rural inaugurou o evento, que se celebra ao longo desta fin de semana en Muimenta, no concello lucense de Cospeito

Gómez asegurou que esta localidade é “un exemplo de emprendemento e de unión comunitaria” na que todos os actores implicados traballan de xeito conxunto para impulsar este eido produtivo

Cospeito (Lugo), 4 de abril de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; participou hoxe na inauguración da 41ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que se celebra ao longo desta fin de semana no concello lucense de Cospeito. Alí, destacou o papel deste evento á hora de potenciar e promocionar o sector agrogandeiro da contorna e, en definitiva, da comunidade.

Durante a súa intervención no acto inaugural, a titular do departamento destacou que Cospeito é “un exemplo de emprendemento e de unión comunitaria” na que todos os actores implicados traballan de xeito conxunto para impulsar o sector agrogandeiro, o principal motor socioeconómico da comarca.

Así, asegurou que Moexmu é un “referente” para o norte peninsular e que nos seus 41 anos de historia actuou como testemuña da conversión do rural galego. Gómez recoñeceu o papel deste evento, que serve como escaparate da aplicación das novas tecnoloxías e da innovación ao sector, ao mesmo tempo que funciona como punto de encontro para intercambiar coñecemento entre os profesionais que o integran.

Importancia do sector lácteo

A raza frisoa ten un papel relevante en Moexmu, xa que conta cun concurso propio sobre este tipo de gando. Neste sentido, María José Gómez puxo en valor o liderado de Galicia no sector lácteo e lembrou que a nosa comunidade atópase entre as dez rexións europeas máis produtoras. Galicia produce o 42% do leite de toda España.

A maiores, a conselleira do Medio Rural recoñeceu que os certames, concursos e poxas de gando teñen unha especial relevancia á hora de impulsar e potenciar o sector. A través destes certames dáse prestixio á cabana gandeira e promóvese a súa comercialización, subliñou.

Por iso, a titular de Medio Rural salientou que o seu departamento conta  con achegas específicas para financiar estes eventos, que por primeira vez neste 2025 inclúen ás asociacións empresariais como posibles beneficiarias.

Data de actualización: 04/04/2025