Medio rural destina 1,4 M€ para fomentar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas axudas que se subdividen en dúas liñas centradas na creación de novas agrupacións, con ou sen base territorial, e no apoio ás xa existentes

Estas figuras permiten mellorar a eficiencia económica, aumentar o acceso a recursos e subvencións e promover prácticas forestais máis sostibles e responsables

Galicia conta con 24 agrupacións rexistradas, que abranguen unha superficie total de 3.145 hectáreas mediante a reunión de 9.250 parcelas e 925 persoas socias, cinco delas de recente creación

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, cun orzamento bianualizado de 1,4 millóns de euros financiados con fondos europeos NextGenerationEU. O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles para a primeira liña e 30 días hábiles para a segunda, contando a partir deste mércores 9 de abril.

Estas achegas subdivídense en dúas liñas. A primeira está centrada na creación de novas agrupacións forestais de xestión conxunta, con ou sen base territorial. Poderán solicitar estas axudas asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o asesoramento de persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos ou as entidades que teñan por obxecto a recuperación de terras forestas de xeito conxunto; así como sociedades e cooperativas. Neste sentido, serán subvencionables as actuacións relacionadas coa identificación da iniciativa e os gastos de tramitación e inscrición, entre outros. 

A segunda destas liñas está destinada de xeito específico para apoiar ás agrupacións xa existentes e que estean inscritas no rexistro oficial de agrupacións forestais de xestión conxunta. A través destas axudas poderán subvencionarse cuestións como a revisión do parcelario e o estado das parcelas, a investigación da titularidade das parcelas que supoñan unha ampliación das agrupacións ou a incorporación de servizos ecosistémicos. 

Actualmente, Galicia conta con 24 agrupacións rexistradas, que abranguen unha superficie total de 3.145 hectáreas mediante a reunión de 9.250 parcelas e 925 persoas socias, cinco delas de recente creación.

Cómpre lembrar que esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, que se estrutura en distintos eixos estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega. 

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250408/AnuncioG0426-200325-0003_gl.html

Data de actualización: 08/04/2025