Román Rodríguez anima aos estudantes a achegarse á Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo para orientar o seu futuro académico e profesional
O conselleiro, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, inaugura a segunda edición deste evento impulsado polo seu departamento no marco do Galicia Educa
A feira, que estará aberta entre hoxe e mañá, conta con preto de 40 expositores onde están representados centros educativos, universidades e outras entidades
Lugo, 9 de abril de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da II edición da Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo, con arredor de 40 expositores sobre as distintas opcións de formación que existen en Galicia, desde a FP e a universitaria ata outras opcións como as que ofrecen os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Neste senso, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, animou aos mozos a que se acheguen entre hoxe e mañá a este evento, no cal atoparán información e orientación “que lles pode ser moi útil para tomar decisións e orientar o seu futuro académico e profesional”.
Na súa segunda edición, na que se prevé acadar uns 6.000 visitantes, este evento consolídase como unha cita de referencia impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no marco do calendario de feiras Galicia Educa, e conta co apoio da da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo.
No encontro están representados os centros educativos galegos a través da participación de 23 centros, un posto de Formación Profesional e outra de programas creativos da propia Consellería. Tamén hai outras entidades a nivel nacional, as distintas facultades que a Universidade de Santiago de Compostela ten no Campus de Lugo, así como a Universidade da Coruña e a de Vigo e outras nacionais. A feira tamén conta con stands das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado como o Exército, a Policía Nacional ou a Garda Civil.
Galicia Educa
A cita lucense, que permanece aberta en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas de hoxe e de mañá, enmárcase no novo calendario de feiras Galicia Educa, impulsado pola Xunta para dar visibilidade a estes eventos como ferramenta para mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado, e ao mesmo tempo, amosar o bo traballo que desenvolven os centros educativos. Esta iniciativa engloba 17 feiras ao longo do curso escolar a nivel autonómico, provincial, comarcal e local.