Extinguido o lume do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afectou o Parque do Xurés
Este incendio forestal, que entrou en Galicia desde Portugal, afectou finalmente unha superficie de preto de 2 hectáreas dentro da nosa comunidade, segundo as últimas medicións
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
A Consellería do Medio Rural informa de que está extinguido, desde as 17.39 horas, o incendio forestal do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que entrou dende Portugal e que afectou o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Finalmente, e segundo as últimas medicións, a superficie afectada por este lume foi de preto de 2 hectáreas, todas elas de monte raso, dentro do devandito espazo natural.
O lume chegou á nosa comunidade arredor das 13.20 horas deste mediodía e para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 2 axentes, 5 brigadas, 3 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.