Medio Rural enxalza as bebidas espirituosas de calidade na 53ª Feira da Augardente de Portomarín
Portomarín (Lugo), 20 de abril de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu este mediodía á 53ª edición da Festa da Augardente que se celebra esta fin de semana no concello lucense de Portomarín. María José Gómez destacou que se trata dunha cita idónea para celebrar estas bebidas “tan vencelladas á nosa tradición e cultura”.
Gómez lembrou que o Goberno autonómico impulsa selos de calidade específicos para as bebidas espirituosas galegas, que engloba as indicacións xeográficas de Augardente, Augardente de Herbas, Licor de Herbas e Licor Café. Sinalou que baixo estes distintivos congréganse 134 produtores, 13 destiladores e 21 elaboradores e envasadores. No ano 2024 producíronse máis de 298.000 litros cualificados, cun valor económico estimado de 3,67 millóns.