Alumnado do CFEA Pedro Murias de Ribadeo amplía coñecementos con visitas a explotacións ecolóxicas e de agricultura sintrópica
Durante a primeira parte da actividade os estudantes visitaron unha explotación certificada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que conta con diversos cultivos de horta ao aire libre e en varios invernadoiros
Posteriormente trasladáronse a unha explotación forestal baseada no desenvolvemento sostible, onde recibiron nocións sobre a socioloxía das plantas, a bioloxía do solo e o aproveitamento do monte con distintas especies
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de organizar unha visita formativa a unha explotación en ecolóxico e a outra forestal en agricultura sintrópica para ampliar coñecemento nesta materia. Na actividade participou o alumnado dos ciclos medios de aproveitamento e conservación do medio natural e produción agroecolóxica do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo.
Durante a primeira parte da visita os alumnos puideron coñecer o funcionamento dunha explotación certificada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que conta con diversos cultivos de horta ao aire libre e en varios invernadoiros e froiteiras. Alí, os estudantes asistiron a unha explicación de todos os aspectos que implica xestionar e manexar unha explotación deste tipo.
Recibiron nocións sobre os sistemas de rotación e asociación que empregan nos seus cultivos, as épocas de plantación e as pragas e enfermidades máis habituais. Seguindo esta liña, os propietarios da explotación amosáronlles a maquinaria e as ferramentas que empregan en todo o proceso de produción dos seus cultivos, dende a preparación do solo e os substratos ata a plantación e sementeira. Na visita abordáronse tamén aspectos relacionados co sistema de rego, a comercialización e co proceso de emprendemento para a posta en produción da explotación. As actividades deste tipo son especialmente beneficiosas para o alumnado, xa que lles permite aprender a través de exemplos e casos reais.
Posteriormente, os estudantes do CFEA Pedro Murias trasladáronse a unha explotación forestal en agricultura sintrópica, baseada no desenvolvemento sostible, onde recibiron nocións sobre a socioloxía das plantas, a bioloxía do solo e o aproveitamento do monte con distintas especies, entre outras cuestións.