A Xunta aproba as axudas para programas de cooperación no exterior por case 2 M€
O Goberno galego vén de publicar a resolución coas axudas a tres programas de longa duración de cooperación para o desenvolvemento no exterior de organizacións non gobernamentais
Financiaranse intervencións en O Salvador, Guatemala e Honduras
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025
A Xunta vén de facer pública na web da Cooperación Galega a resolución da convocatoria de subvencións destinada a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento. Serán financiados cun orzamento de case 2 millóns de euros tres intervencións de ONGD, no Salvador, Guatemala e Honduras.
Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúen á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento prioritarios para a cooperación galega. En concreto, os tres programas financiados buscan mellorar a pesca artesanal no Salvador, o acceso ao auga e saneamento en Guatemala e o modo de vida das poboacións pesqueiras de Honduras.
Así, todas as actuacións estarán destinadas a favorecer o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario.
A convocatoria ten un carácter plurianual, polo que as accións desenvolveranse entre este ano e o 2027. O financiamento total das axudas ascende a case 2 millóns de euros, distribuído nestas tres anualidades.
Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, que propón a recuperación da convocatoria de programas no exterior, e o incremento dos fondos dirixidos a actuacións con marcos de planificación plurianuais. Así, establece que durante a vixencia deste Plan promoveranse os programas no exterior, co fin de mellorar o alcance e impacto das actuacións financiadas. Do mesmo xeito, esta convocatoria tamén se recolle no Plan anual 2025 da Cooperación Galega, que neste ano medra un 10% respecto a 2024 e conta cunha dotación de case 10 millóns de euros.