A Xunta recibe 6 ofertas para executar as obras que completarán a humanización da travesía de Albarellos, no concello de Monterrei, cun investimento de 1,5 M€
A intervención que se desenvolverá na estrada OU-143 inclúe a construción de dous treitos de senda peonil para dar continuidade ao tramo habilitado en 2021 e acadar un itinerario continuo de máis de 1,1 km
O obxectivo é incrementar a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños e dos peregrinos, xa que esta zona coincide coa Vía da Prata do Camiño de Santiago
Tamén se humanizará a contorna, coa colocación de novos puntos de luz, plantaranse árbores como carballos e sobreiras e disporanse bancos
A Xunta prevé iniciar os traballos este mesmo verán, co obxectivo de telos rematados a mediados do próximo ano
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
A Xunta vén de recibir 6 ofertas para a execución das obras que completarán a humanización da travesía de Albarellos, no concello de Monterrei, nas que a Administración autonómica investirá 1,5 millóns de euros.
Con esta actuación, habilitaranse dous treitos de senda peonil na travesía da estrada OU-143, para dar así continuidade ao tramo xa habilitado no ano 2021. Trátase de acadar un itinerario continuo, accesible e máis seguro, ata sumar algo máis de 1,1km de lonxitude.
O obxectivo é incrementar a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños e tamén dos peregrinos, xa que esta zona coincide co paso da Vía da Prata do Camiño de Santiago.
Ademais, prevese o acondicionamento do firme nesta vía e tras a execución das obras, tramitarase o cambio de titularidade da estrada en favor do Concello.
O proxecto tamén inclúe a humanización da contorna, pois colocaranse novos puntos de luz, plantaranse árbores como carballos e sobreiras e disporanse bancos.
Esta actuación integral dará como resultados un percorrido seguro e sostible para os viandantes e unha área cunha estética renovada e amable, para o desfrute dos veciños e dos visitantes.
A Xunta traballa coa previsión de poder comezar os traballos este mesmo verán, co obxectivo de telos rematados a mediados do próximo ano.