O plan da Xunta ‘Adestra a túa Saúde’ bota a andar para os 25 primeiros concellos que se beneficiarán da mellora da calidade de vida da súa cidadanía

O Plan está dirixido a persoas inactivas, primordialmente maiores de 60 anos, sen unha patoloxía que supoña unha contraindicación absoluta para a práctica de exercicio e nos que a realización de actividade física represente un salto cualitativo na súa calidade de vida

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da convocatoria para a selección dos 25 primeiros concellos galegos que participarán no desenvolvemento e implementación do programa Adestra a túa Saúde, da man da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte, e da Consellería de Sanidade.

O Plan Adestra a túa Saúde pretende contribuír á mellora da saúde, o benestar e a calidade de vida da cidadanía mediante prescrición de actividade física e exercicio desde o sistema sanitario -centros de saúde- e o seu seguimento e pauta na contorna comunitaria, realizado por unha persoa promotora de exercicio que adaptará e avaliará de forma personalizada a prescrición realizada  polos profesionais sanitarios e a súa execución, cos recursos de práctica dos que dispoña cada concello.

Adestra a túa Saúde está dirixido a persoas inactivas, sas ou con factores de risco cardiovascular, primordialmente maiores de 60 anos, sen unha patoloxía que supoña unha contraindicación absoluta para a práctica de exercicio e nos que a realización de actividade física e exercicio represente un salto cualitativo na súa calidade de vida. A permanencia da persoa usuaria no programa terá unha duración máxima de nove meses.

Cómpre lembrar que a Xunta xa puxo en marcha este plan de maneira experimental en 2022 nos municipios coruñeses de Arteixo e Abegondo coa implantación de proxectos piloto que contribuíron á definición do programa. Tras a sinatura da resolución de aprobación do plan entre ambas as consellerías o pasado mes de outubro, o Goberno galego busca agora estender a experiencia a máis servizos de atención primaria da comunidade.

Dilatada experiencia no fomento da actividade física

A Xunta conta cunha base de dilatada experiencia no fomento da práctica da actividade física e deportiva como ferramentas de saúde e benestar a través das distintas actuacións como o Plan Galicia Saudable que, desde 2009, foi desenvolvéndose no fomento da actividade física e a adopción dun estilo de vida activo, como claves para garantir o benestar e unha mellor calidade de vida desde a Infancia ata a vellez. No marco deste plan cóntase con actuacións e programas interdepartamentais, como a plataforma DAFIS, seleccionada pola Organización Mundial da Saúde como boa práctica europea para o fomento da actividade física no ámbito escolar, ou a posta en marcha na Comunidade galega do Plan Obesidade Zero 2022-2030, un plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública, coa meta de reducir a prevalencia de sobrepeso nun 15% no ano 2030.

Todos os concellos interesados en participar teñen aberto na sede electrónica da Xunta o procedemento de solicitude de preselección, tralo que serán escollidos 25 concellos para poñer en marcha, coa axuda de fondos europeos do Plan de Recuperación, Trasnformación e Resilencia, o devandito Plan.

Data de actualización: 24/04/2025