O conselleiro de Sanidade inaugurou esta tarde en Vigo a XXXVIII Reunión Anual da Sociedade Galega de Neuroloxía

Gómez Caamaño salienta a resposta eficaz e coordinada que ofrece o Código Ictus, activado en 17.110 ocasións desde a súa posta en funcionamento en 2016

Durante o pasado ano este protocolo deu resposta a preto de 1.800 situacións

A sanidade galega goza de grande prestixio a nivel nacional no eido da neuroloxía, sendo referente no tratamento da epilepsia refractaria, a esclerose múltiple ou no ámbito da cirurxía dos trastornos do movemento

Lembra que a sanidade galega foi a primeira en contar con tecnoloxía avanzada para abordar os trastornos do movemento, grazas á adquisición dun equipo de ultrasóns de frecuencia localizada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela

O Servizo Galego de Saúde conta tamén con procesos asistenciais integrados para o tratamento de pacientes con esclerose lateral amiotrófica, esclerose múltiple ou dano cerebral adquirido

Gómez Caamaño chama aos profesionais a seguir traballando e investigando na prevención e tratamento das patoloxías neurolóxicas co obxectivo de que a sanidade galega acade a excelencia asistencial

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde en Vigo a XXXVIII Reunión Anual da Sociedade Galega de Neuroloxía, un acto no que salientou a eficaz e coordinada resposta que ofrece Código Ictus, un protocolo que desde a súa posta en marcha no ano 2016 foi activado en 17.110 ocasións.

A cidade olívica acolle esta tarde e mañá a xuntanza anual de especialistas en Neuroloxía chegados de toda España, un encontro que contribuirá á posta en común das últimas novidades xurdidas ao redor desta especialidade médica.

No transcurso do acto inaugural, o titular de Sanidade puxo en valor o gran prestixio co que conta a Neuroloxía galega dentro do Sistema Nacional de Saúde, grazas aos seus profesionais e ás iniciativas postas en marcha.

Apuntou que o Código Ictus, que se está a aplicar desde 2016, representa unha “ferramenta esencial” na atención dos pacientes que sofren accidentes cardiovasculares, ao permitir dar unha resposta en tempo en forma, grazas a coordinación entre os servizos de atención primaria, atención hospitalaria e o 061. Durante o pasado ano este protocolo foi activado en preto de 1.800 ocasións.

Gómez Caamaño salientou tamén que a sanidade galega foi a primeira en contar con tecnoloxía avanzada para abordar os trastornos do movemento, grazas á adquisición dun equipo de ultrasóns de frecuencia localizada, co que a Xunta dotou o Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Na mesma liña, destacou que o sistema sanitario público galego desenvolveu diferentes procesos asistenciais integrados para enfermidades neurodexenerativas, garantindo un coidado integral e estandarizado dos pacientes con esclerose lateral amiotrófica, esclerose múltiple ou dano cerebral adquirido.

Galicia conta, ademais, con 3 unidades de referencia nacionais (CSUR) no referido ao tratamento da epilepsia refractaria, a esclerose múltiple ou no ámbito da cirurxía dos trastornos do movemento.

A pesar dos avances en equipamento, tecnoloxía e procesos, o conselleiro remarcou que o activo máis importante co que conta o Servizo Galego de Saúde son o seus profesionais, especialistas aos que convidou a seguir traballando e investigando sobre a prevención e o tratamento das patoloxías neurolóxicas co obxectivo de que a sanidade galega acade a excelencia asistencial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2025