O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse esta mañá en Vigo co presidente de Conxemar

A Xunta insiste ao concello de Vigo na “man tendida” para formalizar o preacordo acadado con Zona Franca e seguir potenciando o Ifevi

José González abordou con Eloy García a situación actual do recinto feiral e a folla de ruta trazada polo Goberno galego para dinamizar este recinto feiral da man de actores como Conxemar

Lembrou que as tres administracións consensuaron o preacordo, que recolle a necesidade de unanimidade e a cofinanciación a partes iguais dos investimentos que superen os 18M ofertados por Zona Franca

Respecto ao balance de investimentos no IFEVI, subliñou que os datos son oficiais -a Xunta achegou 31,5M e a cesión do Concello de terreos e a cesión do pavillón 1 e 2 foi valorada en 1,7M-

"Non entraremos en ningún debate. Temos a man tendida para asinar este acordo. O noso obxectivo é asumir canto antes todas as actuacións necesarias para seguir potenciando o IFEVI", sinalou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

Vigo, 28 de abril de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial  da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá en Vigo co presidente de Conxemar, Eloy García, co obxectivo de abordar a situación actual do Ifevi e a folla de ruta trazada pola Xunta para a “necesaria potenciación deste recinto feiral”, segundo remarcou o conselleiro, atendendo as realidades de axentes estratéxicos como Conxemar e as súas perspectivas de crecemento. 

En declaracións previas á reunión, o titular de Emprego destacou o compromiso de formalizar o preacordo acadado en novembro do pasado ano entre a Xunta, a Zona Franca e o Concello de Vigo, subliñando a firme vontade do Executivo galego de pechar canto antes este acordo e continuar traballando a favor desta infraestrutura estratéxica para a cidade.

José González lembrou que xa o ano pasado trasladóuselle a Conxemar a necesidade de elaborar un plan funcional para potenciar o recinto feiral. Inmersos nesta liña de traballo, Zona Franca realizou o ofrecemento público de investir 18 millóns de euros a cambio de entrar no padroado do Ifevi, celebrando posteriormente unha serie de negociacións que desembocaron nese principio de acordo. “Foi esto o que explicitamos na carta remitida ao Concello de Vigo a semana pasada, pedíndolle que se estaba disposto a asinar o acordo ou senón que nos trasladara porque, como xa digo, o noso obxectivo é seguir avanzando nesta liña de dinamización do Ifevi”. 

Liñas mestras do preacordo

Respecto ao contido do preacordo, o conselleiro sinalou que “contra a aportación dos 18 millóns de euros de Zona Franca, tanto Xunta como Concello comprometíanse a aportar os solos, inmobles e instalacións que teñen no recinto feiral e ademais, se nesta potenciación é necesario superar os 18 millóns que achegaría Zona Franca para entrar no padroado, todas as achegas posteriores nesta nova etapa serían cofinanciadas a partes iguais entre as tres administracións, asumindo todas as decisións por unanimidade”. 

“O principio de acordo é transparente e diáfano, e agora o que necesitamos é que as outras administracións, para poder seguir avanzando, nos digan se van a querer asinalo”, remarcou González.

“Non entraremos en polémicas estériles”

O titular de Emprego destacou a vontade de cooperación da Xunta, polo que “non entraremos en debates nin polémicas estériles” respecto ao balance dos investimentos achegados ata o de agora no Ifevi por parte das diferentes administracións. 

José González si lembrou que, segundo a contabilidade oficial do padroado, a Xunta leva investido preto de 31,5 millóns de euros e o Concello, atendendo a estes mesmos datos, realizou a cesión gratuíta dos terreos e a cesión dos pavillóns 1 e 2 por unha estimación que foi valorada nese momento de preto de 1,7 millóns de euros. Respecto ao resto de pavillóns, lembrou o conselleiro, o número 3 é de titularidade do padroado e foi construído en terreos do Concello co apoio económico da Xunta, que é pola súa banda é titular dos pavillóns 4 e 5. “Estes son os datos”.

José González insistiu na claridade do posicionamento da Xunta e na urxencia de formalizar o acordo. “Temos a man tendida para asinar este preacordo. Temos a máxima vontade de colaboración institucional e o noso único obxectivo é, tamén da man de actores como Conxemar, seguir avanzando e asumir canto antes as actuacións necesarias para a potenciación do IFEVI”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2025