Arias trasládalle a Diego As o agradecemento da Xunta por axudar a humanizar o Hula cunha obra artística
Lugo, 2 de maio de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sumouse hoxe ao acto de agradecemento a Diego As polo mural que pintou no interior do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), unha flor de toxo a gran escala que simboliza a resiliencia. A obra, denominada Resiliencia Floreciente, está nun espazo moi visible e pode admirarse dende todas as plantas.
Arias destacou que o artista lucense “demostra unha vez máis o seu talento e compromiso social con este traballo, que aporta cor e emoción ao recinto hospitalario”, polo que lle trasladou o recoñecemento da Xunta.
Apuntou ademais que “moverse nun entorno agradable favorece o benestar emocional, un factor que cobra especial importancia no ámbito clínico”. Tamén felicitou á área de Humanización do Hula, promotora da iniciativa, polo labor que realizan para mellorar a calidade de vida dos pacientes.