A Xunta impulsa a reforma da envolvente da fachada e cuberta do edificio da piscina de Oza-Cesuras cun investimento de máis de 48.000 euros

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello para coñecer as accións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

Un total de 5 concellos da comarca de Betanzos recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta liña, o ano pasado, por un importe de case máis de 276.000 euros

Oza-Cesuras (A Coruña), 2 de maio de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Oza-Cesuras, acompañada polo seu alcalde, Pablo González, para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que contou máis de 48.000 euros para levar a cabo a reforma da envolvente da fachada e cuberta do edificio da piscina municipal (vestiarios, socorrista, almacén e sala de instalacións). A dotación deste fondo está destinada á realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal que se destinen á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias e vai dirixido a concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes

A delegada explicou que as obras  consistiron na reforma da envolvente da edificación cun sistema de illamento térmico exterior de fachadas que consistiu na retirada dos revestimentos existentes para colocar e panel sándwich de 35 mm de espesor e substitución das portas existentes e na cuberta e colocación do mesmo panel de 45 mm de espesor, o que mellorará as condicións de salubridade, estanqueidad e illamento exterior

Na comarca de Betanzos hai 5 concellos beneficiarios desta orde, o ano pasado, (Oza-Cesuras, Abegondo, Miño, Sobrado, e Bergondo), con achegas que superan os 276.000 euros.

A representante do Goberno autonómico incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

Nova orde 2025

Na visita a delegada informou que esta orde, que xa pechou o seu prazo de solucitude, volve a contar, este ano, cunha dotación de 5 millóns de euros e ten como obxectivo financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en instalacións municipais, con prioridade para as deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais. Este ano este concello solicitou estas axudas para levar a cabo a substitución dos vidros perimetrais da pista municipal do Loureiro-Salto que suporá unha axuda de máis de 48.000 euros.

Tamén se valora o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores tense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas. As achegas poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación, que debe ser dunha única fase e supoñer a posta en servizo inmediata do proxecto. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2025