Román Rodríguez supervisa o avance das obras de ampliación da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, en Pontevedra

Cun investimento de máis de 721.000€, dotarase a escola dunha sala de usos múltiples, unha sala de profesores e unha aula de desdobre máis, entre outras melloras

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP destaca un investimento de preto de 14M€ en case unha trintena de obras na cidade do Lérez

Pontevedra, 3 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a Escola de Educación Infantil EEI Concepción Crespo Rivas, onde supervisou as obras de ampliación que está a desenvolver a Xunta neste centro.

Ademais da obra na EEI Concepción Crespo Rivas, tamén está a instalarse un ascensor no IES A Xunqueira II e realizaranse no verán as obras de urbanización para acometida de auga nos centros integrados de FP Carlos Oroza e Montecelo.

Cun orzamento de máis de 721.000€, a ampliación da EEI Concepción Crespo Rivas, en case 250m², dotará a escola dunha sala de usos múltiples, unha sala de profesores e unha aula de desdobre máis, ademais de incrementar o espazo da actual sala de dirección. O programa da intervención inclúe a substitución da caldeira de gasóleo por unha de gas e a mellora da accesibilidade do centro.

A intervención conta cun prazo de execución de cinco meses, polo que se prevé que estea rematada para o inicio do vindeiro curso.

O titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor o investimento que se está a facer na cidade do Lérez ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Estamos a falar de case unha trintena de obras e preto de 14M€, con actuacións de tanta relevancia como a rehabilitación integral do Instituto IES Valle-Inclán, que estamos a piques de rematar ou, xa acabada, a reforma do Colexio CEIP Froebel”, destacou o conselleiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2025