Rueda anuncia que Galicia incorporou en abril a preto de 3.000 novos dependentes atendidos, cifra récord mensual desde que hai rexistros

Sinala que o Plan de axilización e simplificación da dependencia e discapacidade axudou a resolver 32.000 expedientes desde o mes de xaneiro, un 70% máis que no mesmo período do ano anterior

Destaca que os datos de emprego do último mes son bos para Galicia, acadando o mínimo histórico de desempregados con 115.545 persoas e o mellor nivel de afiliacións nun mes de abril de toda a serie, con 1.087.434 persoas

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Plan de simplificación e axilización de dependencia e discapacidade permitiu acadar preto de 3.000 novos atendidos en abril, o que supón un récord histórico mensual desde que hai rexistros.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento, o presidente da Xunta afirmou que o Goberno galego vai “seguir traballando” en materia de dependencia e puxo en valor as cifras de atendidos en Galicia, que hoxe acadan o seu máximo con máis de 79.600 persoas no sistema.

Nesta liña, recordou que desde xaneiro a Xunta de Galicia resolveu máis de 32.000 expedientes de dependencia e discapacidade, un 70% máis que o mesmo período do ano anterior. Uns datos que son posibles grazas “aos funcionarios que están traballando para que ese plan de choque sexa unha realidade”, remarcou o presidente.

Para seguir axilizando os tempos e ampliando os servizos, Rueda instou ao Goberno central a cumprir coa Lei de Dependencia e a aboar a Galicia os máis de 2.500 M€ de débeda contraída nesta materia.

Por último, o titular do Goberno galego sinalou que  as persoas maiores son “unha parte fundamental de Galicia” e que o obxectivo é seguilas “respectando e defendendo”, por iso incidiu en que se están a impulsar máis medidas como a creación de 1.800 novas prazas en residencias, as estratexias de loita contra o idadismo e a soidade non desexada ou o impulso do envellecemento activo. 

Datos de emprego

Na súa intervención, o presidente da Xunta fixo balance dos datos de emprego coñecidos recentemente, afirmando que son bos para a Comunidade galega pero que se debe traballar para melloralos e que “Galicia siga sendo unha terra de futuro”.

Neste sentido, Rueda mencionou que o desemprego na nosa comunidade acadou no mes de abril o seu mínimo histórico, con 115.545 persoas caendo, tanto a nivel interanual como intermensual, nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores produtivos, así como que obtivo o mellor nivel de afiliacións nun mes de abril de toda a serie, con 1.087.434 persoas.

Ademais, Galicia foi a terceira comunidade na que máis baixou o paro no último ano, evolucionando tres puntos mellor que na media nacional, e conseguiu atallar nos últimos meses o problema do “absentismo laboral”. Así, por exemplo, no ano 2025 a prevalencia dos procesos que duraron un mes reduciuse nun 14,68 respecto do ano 2024 ou a prevalencia dos procesos que duraron 10 meses reduciuse nun 14,36 respecto do ano 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2025