A conselleira interveu no Parlamento para dar conta dos avances nos traballos do Complexo Hospitalario da Coruña
Allegue pon en valor o compromiso da Xunta co novo CHUAC, que contará con 260.000 metros cadrados de novos espazos asistenciais
A conselleira destacou que a Xunta ten na actualidade en execución actuacións que superan os 85M€ para realizar as obras do novo hospital
A Xunta avanza na demolición do Hospital de Pacientes, nas escavacións da Torre Polivalente, na urbanización de Pedralonga e nos accesos
Allegue puxo en valor o acordo institucional co Concello da Coruña para levar a cabo os accesos e o consenso co que se tramitaron as expropiacións
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, subliñou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta co novo CHUAC, que supón o maior investimento que a Administración autonómica está a acometer nunha obra hospitalaria nestes momentos.
Neste senso, Allegue lembrou que o Novo CHUAC superará os 500 millóns de euros nesta actuación “absolutamente prioritaria” para a Xunta co fin de “brindar e blindar” a mellor atención sanitaria na Coruña para os próximos 50 anos. Na actualidade, afirmou, están en execución contratos por máis de 85M€.
Neste senso, destacou a relevancia do CHUAC “como proxecto transformador da Coruña e a súa contorna” e remarcou que o Executivo galego tamén acadou de 60 millóns de euros de financiamento europeo para esta actuación, sendo a única comunidade española en acadalo.
Unha vez rematado, o CHUAC ofrecerá case 260.000 metros cadrados de novos espazos asistenciais, dun 15% máis de camas, un 50% máis para consultas e un 108% máis de postos de urxencias, recordou a conselleira.
Os traballos, como destacou, están en pleno desenvolvemento. Así, citou que se completou o procedemento das expropiacións, baseado no acordo mutuo con todos os afectados, e está en execución a urbanización de Pedralonga, onde se reubicarán as vivendas afectadas.
Ademais, tralo acondicionamento das instalacións en Expocoruña para o traslado de persoal e servizos do Hotel de Pacientes, estase a levar a cabo a demolición deste inmoble, co obxectivo de dispor dos terreos antes de rematar este ano.
Tamén estase a avanzar na Torre Polivalente, en concreto na escavación en rocha, unha actuación complexa que inclúe voaduras compatibles coa mobilidade.
Iniciáronse as obras dos accesos e o aparcamento provisional xa está en servizo. Allegue lembrou a este respecto o acordo institucional co Concello da Coruña en relación co financiamento dos accesos.
A Xunta traballa ademais para que antes de final de ano, poida estar licitado o contrato de obra da Fase 2, a obra de edificación máis grande do novo CHUAC, cunha estimación próxima aos 400 M€.