O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, supervisou o desenvolvemento das probas do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías do Servizo Galego de Saúde

Gómez Caamaño subliña o esforzo da Xunta por consolidar o emprego e reforzar a sanidade pública nas probas de acceso a 236 prazas no Sergas que se realizan esta fin de semana en Silleda

As probas da fase de oposición do Servizo Galego de Saúde  celebradas esta mañá, correspondentes a técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía e do grupo de xestión da función administrativa, acadan o 61,5 % de participación 

Das 1.301 persoas convocadas nesta primeira quenda da xornada do sábado acudiron á realización das probas un total de 801 aspirantes

Na categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía a participación acadou o 53,7 %, e na do grupo de xestión da función administrativa 79,8 %

Silleda (Pontevedra), 10 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño subliña o esforzo da Xunta por consolidar o emprego e reforzar a sanidade pública nas probas de acceso a 236 prazas no Servizo Galego de Saúde que se realizan esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. 

O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, supervisou o desenvolvemento das probas do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías do Servizo Galego de Saúde. 

Concretamente, esta mañá celebráronse as probas da fase de oposición para o acceso ás categorías de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía e do grupo de xestión da función administrativa, que acadaron o 61,57 % de participación.

Nesta primeira quenda da xornada do sábado estaban convocados 1.301 aspirantes  para acceder ás 8 prazas pertencentes á categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía e ás 26 prazas do grupo de xestión da función administrativa.

Así, das 909 persoas convocadas para as probas de acceso á categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía acudiron á realización do exame un total de 488 aspirantes (o 53,7 %). Pola súa banda, no que atinxe ao  grupo de xestión da función administrativa, das 392 persoas convocadas, asistiron á realización das probas 313 aspirantes  (79,8 %).

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade agradeceu a todo o persoal implicado no correcto desenvolvemento destas probas, desde o Servizo Galego de Saúde, pasando polos efectivos da Garda Civil, Policía Nacional, Protección Civil, 061 e todo o equipo da Fundación Semana Verde de Galicia, porque desenvolveron un traballo impecable para que todo transcorrese, unha vez máis, sen incidencias. 

Máis de 400 convocados para as probas da quenda de tarde

Desde as 16,00 horas desta tarde, un total de 409 persoas están convocadas para desenvolver os exames de acceso ás 13 prazas que oferta a Administración autonómica na especialidade de técnico superior en documentación sanitaria e ás 43 ao grupo auxiliar da función administrativa. Neste último caso, a totalidade das prazas están reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Continúan as probas na xornada do domingo

Os procesos selectivos continuarán na xornada de mañá cunha dobre quenda que acollerá un total de 2.426 opositores. 

Neste sentido,  na quenda de mañá terá lugar a proba para acceder a 121 prazas de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e, na quenda de tarde, as probas para acceder a 16 prazas de técnico superior en dietética e 9 do grupo técnico da función administrativa.

Durante a fin de semana, o Recinto Feiral Internacional de Silleda acolle a realización das probas para o acceso de sete categorías profesionais do sistema sanitario público galego. 

Un total de 4.136 aspirantes están convocados a participar no conxunto destes procesos selectivos.

Durante as xornada do sábado e domingo, a Xunta ofertará un total de 236 prazas distribuídas en diversas categorías profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2025