O Servizo Galego de Saúde publica as listas provisionais de admitidos no concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

Resultaron admitidos un total de 5.101 profesionais

A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de enfermería, con 1.851, seguida de técnico en coidados auxiliares de enfermería, con 1.524

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se publica a relación provisional de admitidos e excluídos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, correspondente ao ciclo de adxudicación 2026.

Resultaron admitidos un total de 5.101 aspirantes, o que supón  unha porcentaxe de case o 90% sobre a totalidade dos participantes. A categoría con maior número de persoas admitidas é a de enfermería (1.851), seguida de técnico en coidados auxiliares de enfermería (1.524) e médico de familia de atención primaria (371). 

Este é o noveno ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Coa publicación desta resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados, a partir de mañá ata o 24 de agosto, para que as persoas interesadas poidan corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á que tivesen dirixido a solicitude de participación no concurso.

As listas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Concurso de traslados. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

Data de actualización: 10/08/2026