O Cesga e a Universidade de Pensilvania alíanse para acelerar o descubrimento de novos fármacos contra bacterias resistentes aos antibióticos
O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, e o catedrático de Biotecnoloxía da institución norteamericana, César de la Fuente, visitan as instalacións do Cesga
Este centro de supercomputación traballa coa universidade estadounidense para mellorar as capacidades das entidades en medicina e bioloxía, así como en tecnoloxías de computación e datos para a investigación en saúde e a bioinformática
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da intelixencia artificial para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o representante da Xunta de Galicia afirmou que esta colaboración entre o Cesga e a Universidade de Pensilvania contribúe a “mellorar as capacidades de investigación de ambas entidades”, proporcionando información na área de descubrimento de fármacos que permitirá ao Cesga adestrar modelos de intelixencia artificial. Así mesmo enriquecerá a capacidade de cálculo e infraestruturas de datos, así como o coñecemento nas áreas de computación de altas prestacións, intelixencia artificial, bioinformática, biofísica computacional e sistemas moleculares. No marco desta colaboración, o Cesga achegará investigadores e técnicos nestes campos, mentres que a Universidade de Pensilvania proprocionaraos para o descubrimento de antibióticos mediante intelixencia artificial.
Román Rodríguez destacou a experiencia do Centro de Supercomputación de Galicia no servizo e colaboración con grupos de investigación e empresas no eido das ciencias da vida, máis concretamente en simulación numérica para caracterización e deseño de moléculas de interese, de dianas para fármacos, descubrimento e deseño de medicamentos, análise xenómica e proteómica, creación de repositorios de datos médicos e aplicación da intelixencia artificial a temas relacionados coa medicina personalizada.
Ademais, o Cesga está desenvolvendo actualmente un demostrador de espazo de datos focalizado na área OneHealth (saúde humana, animal, seguridade alimentaria e medioambiental) cunha actividade significativa arredor das resistencias microbianas.
O responsable da área de Ciencia do Goberno galego tamén quixo destacar as capacidades de Galicia en investigación biomédica e biotecnoloxía, un sector estratéxico no que se está a desenvolver unha Estratexia de consolidación do sector e cuxo investimento en I+D+i representa o 17% de todo o gasto en I+D+i de Galicia. Outra das áreas estratéxicas de Galicia son a supercomputación e as tecnoloxías cuánticas polas que Galicia está a apostar firmemente, como queda reflexado no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. “Neste contexto, o Cesga desenvolve un papel crucial dando servizo a investigadores de referencia e ofrecendo unhas infraestruturas singulares na nosa contorna”, engadiu Román Rodríguez.