O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, reuniuse hoxe no edificio administrativo de San Lázaro co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez
Gómez Caamaño informa ao alcalde de Muíños da licitación das obras de construción do novo centro de saúde por 1,3 M€
Adianta que a previsión é iniciar os traballos este ano, cun prazo de execución de 18 meses
O novo centro terá 459 m2, máis do dobre do espazo actual, e permitirá contar cunha nova consulta polivalente e outros espazos como zona de admisión, esperas ou sala de xuntas
As empresas interesadas neste contrato teñen ata o vindeiro 9 de xuño para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, informou ao alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, de que o Portal de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación das obras de construción do novo centro de saúde do municipio por 1.322.881,83 euros.
Gómez Caamaño explicoulle ao rexedor ourensán que agora as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 9 de xuño para presentar as súas ofertas. Avanzou que a previsión da Consellería é iniciar os traballos do novo centro de saúde este ano, cun prazo de execución de 18 meses.
O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, amosoulle ao alcalde o deseño do novo centro de saúde de Muíños que terá unha superficie construída de 459,58 metros cadrados, o que supón aumentar en máis do dobre o espazo actual.
O centro de atención primaria contará con 1 consulta de medicina de familia, 1 de enfermería e 1 polivalente. Isto supón, con respecto ao centro actual, contar cunha nova consulta polivalente, ademais doutros espazos como zona de admisión, esperas, despacho de atención ao usuario, aseos, almacén, oficios e sala de xuntas.
O novo centro de saúde situarase ao lado do campo de fútbol municipal, no núcleo de Mugueimes, e estará próximo á Casa do Concello, á residencia de maiores da Clamadoira ou á farmacia.