O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, o xerente da área, Javier Puente, acompañou a profesionais sanitarios nunha visita polo centro na fase final das obras
Gómez Caamaño avanza que o CIS Olimpia Valencia estará rematado en verán e terá un cadro de persoal de 130 profesionais que traballarán con instalacións e equipos de vangarda
O grao de execución da obra que ten encomendada a Axencia Galega de Infraestruturas supera o 85 % e o Servizo Galego de Saúde licitará o equipamento en xullo
A Xunta está a investir 15,6 M€ no Centro Integral de Saúde da cidade de Vigo
O CIS Olimpia Valencia permitirá ofertar unha carteira de servizos ampliada con fisioterapia, odontoloxía ou cirurxía menor, entre outras prestacións
Profesionais dos centros de saúde de Coia, López Mora e Pintor Colmeneiro comproban a distribución de espazos e visualizan os fluxos de traballo no novo CIS ao que se trasladará parte do persoal
O CIS Olimpia Valencia contará tamén cunha base do 061, o que reforza a atención urxente na contorna
A Xunta destina este ano máis de 1.000 M€ á área sanitaria de Vigo, un 5,5 % máis que en 2024
Vigo, 15 de maio de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, realizou esta mañá unha visita ás obras do Centro Integral de Saúde (CIS) Olimpia Valencia, en Vigo, na que avanzou que estarán rematadas en verán e que o centro terá un cadro de persoal de 130 profesionais con instalacións e equipos de vangarda.
Gómez Caamaño, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, o xerente da área, Javier Puente, acompañou a traballadores dos centros de saúde López Mora, Pintor Colmeneiro e Coia no percorrido polo centro ao que se trasladará parte do persoal.
O conselleiro destacou que o Servizo Galego de Saúde ten previsto licitar o equipamento do CIS Olimpia Valencia este mes de xuño, ao tempo que o grao de execución da obra encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas supera o 85 %.
Gómez Caamaño detallou o investimento de 15,6 millóns de euros que está a facer a Xunta en Vigo para este Centro Integral de Saúde, sumando os 14,8 millóns das obras e os case 740.000 euros que está previsto destinar a equipamento.
Ampliación de servizos aos pacientes
Tal e como se explicou durante a visita, o novo edificio disporá de máis de 7.300 metros cadrados construídos, distribuídos en 6 plantas. Isto, segundo sinalou o conselleiro de Sanidade, permitirá ofertar unha carteira de servizos ampliada. Inclúese medicina de familia, pediatría e enfermería, ademais de fisioterapia, odontoloxía, farmacia, traballo social, telemedicina ou cirurxía menor, entre outras prestacións.
O CIS Olimpia Valencia, que atenderá 42.000 persoas, contará tamén cunha base do 061, o que reforza a atención urxente na contorna. Habilítanse ademais espazos dedicados á formación, tanto para residentes de medicina (MIR) como de enfermería (EIR).
Coa visita, os profesionais sanitarios puideron ver a distribución de espazos, as súas posibilidades e mesmo visualizar como se poderán organizar os servizos e os fluxos de traballo nunhas instalacións e cun equipamento de vangarda.
En total, o CIS Olimpia Valencia contará con 130 profesionais: 40 médicos de familia e 40 profesionais de enfermería, 16 pediatras e 16 enfermeiros pediátricos, ademais de farmacéuticos (2), matronas (4), odontólogos e hixienistas dentais (2+2), fisioterapeutas (4) e traballadores sociais (4).
Aposta pola atención primaria
Gómez Caamaño reiterou o compromiso da Xunta co primeiro nivel asistencia da sanidade pública, con investimentos como o CIS Olimpia Valencia, e con Vigo, que conta co Hospital Público Álvaro Cunqueiro, un dos máis modernos de España e Europa.
Nos orzamentos da Xunta deste ano, dedícanse á área sanitaria de Vigo máis de 1.000 millóns de euros, o que representa un 5,5 % máis que o exercicio previo.
Desde 2009, o Goberno galego construíu ou reformou 136 centros de saúde en toda Galicia, cun investimento acumulado de máis de 158 millóns de euros. Na área viguesa, actualmente o Servizo Galego de Saúde segue a traballar en novos proxectos como os centros de saúde de Moaña, Mos, Ponteareas ou o futuro CIS do Morrazo, en canto se logre a cesión dos terreos por parte do Concello de Cangas.