Máis de 200 representantes do sector do metal reúnense coa Xunta para reforzar a oferta de FP
O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, inaugura o encontro sectorial para axustar a oferta de FP ás necesidades das empresas
Máis de 7.500 estudantes, un 67% máis ca no curso 2012/13, cursan ciclos e másteres de FP relacionados co sector do metal, algúns deles cunha inserción laboral plena
Vigo, 16 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou esta mañá no encontro sectorial do metal, no marco do Plan Conecta FP, que reúne en Vigo a 200 persoas entre representantes das principais empresas, equipos directivos e profesorado de centros que imparten ciclos relacionados con esta industria. No acto participaron tamén a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
O obxectivo deste plan, tal e como explicou o conselleiro, é axustar a oferta de FP ás necesidades reais do tecido produtivo. Neste sentido destacou que, ao seu abeiro, nos dous últimos cursos se crearon máis de 9.000 novas prazas de FP. Tamén lembrou que este curso se acadou un récord histórico de alumnos, con 68.823 matriculados, o dobre ca no curso 2008/09.
Román Rodríguez celebrou os bos datos de crecemento do sector do metal coñecidos onte mesmo e sinalou que o encontro de hoxe vai contribuír a dar resposta á demanda de man de obra cualificada que manifestan as empresas. Finalmente, o conselleiro agradeceu a centros, equipos directivos, profesorado e empresarios a contribución, curso a curso, para facer avanzar o modelo de FP galega, “que é un logro compartido”, afirmou.
271 ciclos e másteres de FP
A oferta formativa relacionada co sector do metal distribúese en catro familias profesionais: Fabricación mecánica, Instalación e mantemento, Transporte e mantemento de vehículos e Electricidade e electrónica. Son un total de 271 ciclos e másteres de FP, que se imparten en 58 centros educativos. Cursan estas ensinanzas 7.577 estudantes, o 11% do total de alumnos da FP galega e un 67% máis dos que as cursaban no 2012/13.
Dado o peso do tecido produtivo do metal, estes ciclos colleitan unha gran demanda por parte do alumnado e contan cunha gran empregabilidade. Non en balde, ata oito titulacións relacionadas con este sector teñen unha inserción laboral superior ao 88%, e tres delas incluso chegan á plena empregabilidade (Mantemento de embarcacións deportivas e de recreo, Deseño en fabricación mecánica e Programación da produción en moldeamento de metais e polímeros.
Relatorios e mesas redondas
O encontro, que se celebra hoxe no Centro Integrado Valentín Paz Andrade de Vigo, inclúe relatorios arredor das posibilidades da FP como vía de capacitación no sector do metal, así como dúas mesas redondas, nas que se aborda a acreditación de competencias e formación de persoas traballadores no mercado laboral futuro, así como a colaboración coas empresas na FP Dual Intensiva.
Contan coa participación dos directores dos CIFP Valentín Paz Andrade, Alfonso Silva, e Ferroltera, Enrique Pazo, así como de representantes de empresas como PYMAR, Armón Vigo, Coterena, Grupo Pérez Rumbao, Stellantis, Grupo Resnova, Navantia, Celtamotor e Windwaves.