O presidente participou no 12º Congreso Nacional do sindicato agrario, celebrado en Santiago de Compostela

Rueda destaca o papel esencial de Unións Agrarias na defensa do rural galego e reafirma o compromiso da Xunta co sector

Reivindica a importancia de apoiar o asociacionismo agrario e do diálogo coa Administración

Salienta a necesidade de priorizar a cuestión da remuda xeracional nas explotacións

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no 12º Congreso Nacional de Unións Agrarias, onde subliñou o papel central que desempeñan as organizacións profesionais agrarias na dinamización, representación e defensa do rural galego. A este respecto, Rueda puxo en valor a contribución de Unións Agrarias en ámbitos como a estruturación do territorio, dar voz aos produtores e favorecer o desenvolvemento sostible do sector primario. “Unións Agrarias é a primeira organización de representación agraria en Galicia, e creo que é un interlocutor fundamental que é moi plural, e que a defensa do noso agrario é a súa prioridade”, destacou.

O presidente destacou tamén o apoio da Xunta ao asociacionismo agrario. Neste sentido, o orzamento destinado a estas organizacións polo Goberno galego experimenta en 2025 un incremento próximo ao 17%, acadando os 700.000 euros. Unha decisión que responde á vontade do Goberno galego de acompañar ás entidades que traballan no territorio a través de accións concretas como o asesoramento técnico, a formación, a defensa dos intereses dos produtores e a promoción da súa actividade. Rueda incidiu na importancia do diálogo da Administración con as asociacións: “Cando falamos de que queremos facer as cousas ben, escoitar a organizacións como a que hoxe celebran este congreso é das cousas que probablemente nos permita acertar”, apuntou o presidente.

A remuda xeracional foi outro dos temas destacados por Rueda: “Todo o que temos por diante respecto á remuda xeracional nas nosas explotacións é fundamental. Hai que respectar o que nos identifica e hai que buscar semente nova, para garantir que todo o que fixemos ata o de agora non só se manteña, senón que mellore”, subliñou. En xaneiro deste ano, a Xunta resolveu a convocatoria de 2024 das axudas para  incorporación de mozos ao agro, plans de mellora e apoio a pequenas explotacións, cun investimento global de 46 millóns de euros. Estes fondos permitiron apoiar máis de 320 mozos, 133 novos agricultores e 370 explotacións galegas.

Ademais, o presidente incidiu na importancia do aproveitamento e mobilización da terra. En concreto, mobilizáronse xa máis de 10.000 hectáreas a través de 34 polígonos agroforestais, 21 aldeas modelo e múltiples operacións de permuta. O Banco de Terras, pola súa parte, conta actualmente con máis de 7.000 hectáreas activas distribuídas por 18.000 parcelas.

Por último, o presidente volveu remarcar a importancia do diálogo entre administracións e con todas as asociacións que conforman a representación agraria de Galicia, para que este sector siga sendo un pulmón económico e de xeración de emprego na nosa comunidade: “Necesitamos renovarnos, e se nos renovamos no sector primario estaremos renovando o corazón de Galicia”, concluíu o presidente.

O acto de clausura deste 12º Congreso Nacional de Unións Agrarias contará coa participación da conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2025