A Xunta define ás Olimpíadas Rurais de Friol como elemento dinamizador social, cultural e económico do rural galego
A conselleira do Medio Rural participou esta mañá na presentación da segunda edición deste evento, onde lembrou o valor de preservar as tradicións e de desenvolver actividades de reclamo que atraian o interese sobre estas zonas
María José Gómez agradeceu a disposición amosada polo Concello deste municipio para favorecer a celebración deste evento e deu os parabéns ao Colectivo Hércules por impulsar este certame
Friol (Lugo), 17 de maio de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á presentación da segunda edición das Olimpíadas Rurais de Friol, que se celebrarán na segunda quincena do mes de xuño nesta localidade lucense. Alí, a conselleira salientou a importancia deste tipo de iniciativas para preservar as tradicións e como elemento de dinamización social, cultural e económica das contornas rurais da nosa comunidade.
María José Gómez destacou a importancia deste proxecto e de desenvolver actividades de reclamo que atraian o interese sobre estas zonas. Asemade, agradeceu a disposición amosada polo Concello deste municipio para favorecer a celebración deste evento. Seguindo esta liña, deu os parabéns ao Colectivo Hércules por impulsar esta celebración.
A segunda edición destas olimpíadas, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural a través da Axencia de Desenvolvemento Rural, disporán dun máximo de 24 equipos que se enfrontarán en diferentes probas conformadas por xogos tradicionais como as carreiras de sacos, a carretilla, a comba ou os tiracroios. A maiores, o certame estará amenizado por concertos, charangas, concursos e sorteos.