A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, compareceu hoxe na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos

A Xunta traballa nunha identidade de marca para impulsar as actividades e os produtos locais dos espazos naturais protexidos de Galicia

Reafirmou a aposta da Xunta pola defensa, protección e conservación da Galicia Natural e polo benestar animal cos apoios á fauna silvestre e aos animais de compañía 

A responsable autonómica destacou os 18,5M€ que se están a executar a través do Plan integral para preservar a rede galega de parques naturais e o investimento de 5M€ en axudas e actuacións directas para intervir nas 7 reservas da biosfera 

Detallou as 13 liñas de apoio, que suman 7,5M€, para seguir garantindo o equilibrio da fauna silvestre co sector primario e a ordenación cinexética e piscícola e que supoñen un incremento no orzamento do 34% con respecto a 2024

Fixo fincapé no lobo para o que se destina este ano un 50% máis de financiamento para indemnizar aos afectados, ao tempo que insistiu na reclamación ao Goberno Central dos fondos que debe a Galicia nesta materia 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, compareceu hoxe, a petición propia, no Parlamento, na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos para dar conta das principais liñas estratéxicas que está a executar o seu departamento, así como das convocatorias de axudas máis importantes para “seguir tendo unha Galicia ben conservada e garantir ás vindeiras xeracións que poidan seguir desfrutando da nosa biodiversidade, da nosa flora e fauna”, apuntou.

Díaz Mouteira expuxo, en primeiro lugar, as actuacións centradas na protección e coidado dos espazos naturais, anunciando unha iniciativa na que traballa o Goberno galego para poder presentar en vindeiras datas: unha identidade de marca que englobe a cada un dos espazos naturais protexidos co fin de realzar e poñer en valor o produto e actividade local, en liña co compromiso da Xunta de impulsar o medio rural. En palabras da directora xeral, trátase dun proxecto para implicar aínda máis á veciñanza e ás empresas locais na vida dos parques.

Destacou, así mesmo, os 18,5 millóns de euros que se están a executar a través do Plan integral para preservar a rede galega de parques naturais que inclúe 30 actuacións divididas en catro grandes áreas: conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural (10,4 millóns) con accións para o mantemento e recuperacións dos hábitats e para a erradicación de especies exóticas e invasoras, entre outras;  programa de investigación para a mellora da xestión (825.000 euros); investimento para a mellora das zonas de uso público con actuacións relacionadas coa información, a concienciación, e a sensibilización do patrimonio natural (2,2 millóns); e, por último, o financiamento destinado ás infraestruturas, instalacións e equipamentos (2,4 millóns) con iniciativas como a mellora da eficiencia enerxética da edificación do centro de interpretación do parque natural Baixa Limia- Serra do Xurés (Ourense) e do centro de recepción e interpretación do Invernadeiro.

Díaz Mouteira, ademais, puxo de manifesto as axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, así como os 5 millóns de euros para darlle “un forte impulso” á xestión e conservación da Rede de Reservas da Biosfera, conformada por 7 espazos que representan o 35% do territorio galego e suman unha poboación duns 570.000 habitantes repartida entre 86 concellos.

Lobo, xabaril e oso

A directora xeral centrou tamén a súa comparecencia a explicar o paquete de axudas dotado con 7,5 millóns de euros para contribuír á conservación da biodiversidade e do patrimonio natural de Galicia. Neste senso, sinalou que son 13 liñas de apoios que contan cun 34% máis de investimento que en 2024, destacando, entre todas elas, as destinadas a previr e paliar os danos ocasionados pola fauna silvestre (lobo, xabaril e oso) dotadas con 5,9 millóns.

Como novidade, apuntou que o investimento destinado a paliar os danos do lobo aumentou este ano nun 49% fronte “á actitude do Goberno Central que lle debe a Galicia 8 millóns de euros”, indicou Díaz Mouteira. No que atinxe á orde destinada a compensar os danos ocasionados polo xabaril, aumentou o seu orzamento nun 40% con respecto ao ano pasado; e os apoios polo danos causados polo oso incrementáronse nun 150%.

A responsable do departamento autonómico afirmou, por último, que a Xunta triplicou o presuposto, ata os 1,3 millóns, para apoiar aos concellos e protectoras no coidado de animais domésticos abandonados e indicou o traballo que está a facer a Xunta para crear o primeiro Centro de Protección Animal de Galicia (CPAG).

En definitiva, apuntou que as liñas estratéxicas da área de Patrimonio Natural demostran que “Galicia actúa con previsión e planificación fronte á improvisación do Estado” e poñen de manifesto “a rigurosidade da Xunta para protexer Galicia, cumprindo sempre coas directrices europeas”, concluíu.

Data de actualización: 16/05/2025