A Xunta reúnese cos tres centros de investigación interuniversitarios en materia de I+D+i
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional recibe os representantes dos centros CISPAC, ECOBAS e CITMAGA
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes dos centros de investigación interuniversitarios de Galicia: o Centro de investigación interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), o Centro de investigación Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) para avaliar as diferentes liñas de apoio do Goberno galego a estas entidades universitarias.
O conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, coñeceu de primeira man as necesidades destes centros e expuxo o compromiso da Xunta coa excelencia científica e coa cooperación institucional, garantindo un apoio sólido e legal aos centros en función da súa calidade, viabilidade e impacto no sistema galego de I+D+i.
De feito, o representante do Goberno galego recordou que ECOBAS recibiu máis de 400.000 euros na última convocatoria de acreditación de centros de excelencia da Rede CIGUS, na nova categoría de centros de investigación colaborativos, que aspiran a entrar nesta rede. Estas axudas garanten o financiamento basal dos centros, o que lles permite gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que Galicia conta cun modelo propio de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores autonomías do Estado en apoio á actividade investigadora. De feito, é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, é dicir, para as etapas predoutoral e posdoutoral, que se seguirá impulsando ao abeiro do novo Plan de investigación e innovación de Galicia 2025-2027”, destacou.