A Xunta somete a información pública os mapas estratéxicos de ruído da rede autonómica de estradas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio do procedemento a través do que no prazo dun mes, a partir de mañá, os interesados poden formular  suxestións

A Directiva Europea 2002/49/CE sobre avaliación e xestión do ruído ambiental establece a obriga de elaborar Mapas estratéxicos de ruído para estradas cun tráfico anual superior aos 3 millóns de vehículos, debéndose revisar cada 5 anos

Estes eixos viarios da rede autonómica, que se someten a información pública, teñen unha lonxitude total de 552,22 km, distribuídos nas 4 provincias

O obxectivo é avaliar a exposición da poboación ao ruído nas zonas destes viarios para obter uns resultados e elaborar o Plan de Acción contra a contaminación acústica

Santiago de Compostela, 20 maio de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se someten ao trámite de información pública os Mapas estratéxicos de ruído dos grandes eixos viarios da Rede autonómica de estradas.

Estes mapas corresponden á 4ª fase da Directiva Europea 2002/49/CE, sobre avaliación e xestión do ruído ambiental, que foron aprobados provisionalmente o pasado 7 de maio de 2025. Neste enlace ao DOG pódese consultar o anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250520/AnuncioG0181-080525-0001_es.html

A Directiva Europea 2002/49/CE, sobre avaliación e xestión do ruído ambiental, trasposta ao ordenamento xurídico español mediante a Lei 37/2003, de 17 de novembro, do Ruído, establece a obriga de elaborar Mapas estratéxicos de ruído para aquelas estradas ou treitos de estrada que conten cun tráfico anual superior aos 3 millóns de vehículos, denominados grandes eixos viarios. Estes mapas deben revisarse e actualizarse cada 5 años a partir da súa data de aprobación. Neste sentido, estes que agora se someten a información pública son a actualización da 3ª fase aprobados en setembro do 2021.

Estes grandes eixos viarios da rede autonómica, que constitúen as 81 unidades de mapa estratéxico (UMEs) que se someten a información pública, teñen unha lonxitude total de 552,22 quilómetros, repartidos en 253,92 quilómetros na provincia de A Coruña (31 UMEs), 14,54 quilómetros na provincia de Lugo (6 UMEs), 21,26 quilómetros na provincia de Ourense (6 UMEs) e 262,50 quilómetros na provincia de Pontevedra (38 UMEs).

O obxectivo dos mapas estratéxicos de ruído é a avaliación global da exposición da poboación ás emisións acústicas asociadas ao tráfico destes viarios e a recompilación dos resultados obtidos. A partir dos resultados destes mapas, elaborarase o Plan de Acción contra a contaminación acústica da Rede autonómica de estradas de Galicia, que determinará as accións prioritarias a levar a cabo nas estradas, no caso de superación dos obxectivos de calidade acústica establecidos pola normativa vixente.

Data de actualización: 20/05/2025