A Xunta completa o trámite de solicitude formal para a inscrición da Folla Redonda como variedade comercial
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou hoxe en Ribadumia que o seu departamento xa trasladou esta petición ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
Puxo esta actuación como exemplo da colaboración técnica e económica que o Goberno galego presta ao sector vitivinícola e que se plasma en diferentes medidas de fomento e promoción, así como na investigación e a transferencia de coñecemento
Ribadumia (Pontevedra), 21 de maio de 2025
A Consellería do Medio Rural completou o trámite da solicitude formal da inscrición da Folla Redonda como variedade vitivinícola comercial e entregou o material vexetal requirido para que desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación se inicien os ensaios oficiais concluíntes para o seu correspondente rexistro.
Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, na que estivo acompañada polo director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo alcalde da localidade, David Castro.
Neste sentido, por parte desta Estación experimental xa se completou a caracterización xenética e realizouse ademais a avaliación sanitaria do material vexetal desta caste, o que permitiu completar o procedemento de solicitude formal. En todo caso, cómpre advertir tamén que o proceso de inscrición é longo, xa que cómpre ter en conta que as avaliacións oficiais requiren un mínimo de tres ciclos vexetativos, polo que é preciso agardar un período mínimo de tres ou catro anos para a obtención do informe final.
María José Gómez explicou que este é un proceso “complexo, no que participamos a Xunta e o Ministerio e despois participará a Unión Europea, e agardamos que dea os seus froitos”. Considerou ademais “de xustiza” que esta variedade se recoñeza e comprometeuse a seguir traballando “para que o antes posible chegue ese recoñecemento”.
A conselleira enmarcou estes traballos no apoio que se presta ao sector por parte da Xunta a través desta estación experimental, en eidos como os da investigación e a transferencia de coñecemento. Asemade, a titular de Medio Rural reiterou o compromiso xeral do Goberno galego con este ámbito produtivo clave do noso rural, que se plasma en diferentes medidas de fomento e promoción.
Axudas ao sector do viño
Nesta liña, cabe sinalar as axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas na última convocatoria (publicada recentemente) con 4 millóns de euros; as achegas para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, que este ano contan cun orzamento de 1,7 millóns ou as subvencións destinadas a apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que supoñen un montante total de 4,5 millóns.
A maiores, cómpre salientar que a Xunta dispón dunha planificación creada de xeito específico para este ámbito produtivo, como é a Estratexia de dinamización territorial e turística das comarcas vitivinícolas, elaborada da man do sector para potenciar ao máximo a inmensa riqueza que representa o viño para a nosa comunidade, remarcou.