A Unidade da Muller e Ciencia de Galicia renova as súas expertas científicas externas co obxectivo de seguir impulsando a presenza feminina na ciencia

O Pleno contou coa catedrática de Física Aplicada, Verónica Salgueiriño, que abordou os diferentes motivos que levan ás mulleres a renunciar a postos de liderado na investigación

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participaron no Pleno da Unidade de Muller e Ciencia, no que se renovaron as expertas científicas externas co reto á fronte de seguir impulsando a presenza feminina na ciencia.

Deste xeito, tal e como recolle a normativa que regula este órgano, as entidades participantes expuxeron as propostas para a renovación das vogais e que pasarán a integrar a Unidade da Muller e Ciencia:  Ana Jesús López Díaz, profesora de Enxeñería Naval e Industrial da Universidade da Coruña; María Dolores Pérez Meirás, catedrática de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus); Susana Ladra González, catedrática de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña; e María Loureiro García, catedrática de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela e directora científica do Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (Ecobas).

María Quintiana trasladoulle os mellores desexos ás novas incorporacións deste órgano e o seu agradecemento as vogais saíntes polo seu traballo ao longo destes anos. Ao respecto, destacou que a súa contribución foi imprescindible para poñer en marcha medidas que contribúan á maior presenza das mulleres nas carreiras técnicas e científicas.

Ademais, o Pleno contou coa participación da catedrática de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Verónica Salgueiriño, que expuxo o seu relatorio Retos das mulleres científicas na actualidade. Así, abordou os diferentes motivos que levan ás mulleres a renunciar a postos de liderado ou a non poder dar continuidade ás súas carreiras no mundo da investigación. Ao respecto, María Quintiana destacou que se tratou dunha colaboración moi interesante, que xerou análise e reflexións durante o pleno, e que permite “coñecer perspectivas máis amplas sobre a desigualdade de xénero que son fundamentais no desenvolvemento de políticas públicas”.

A directora xeral tamén presentou o programa Galicia Investiga Igualdade, impulsado pola Xunta de Galicia, e que ofrece dez bolsas para estudantes predoutorais que realicen os seus estudos en materia de xénero. Así mesmo, tamén se abordaron cuestións relativas á Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados e que contará cun grupo de traballo específico para o eido da ciencia e da investigación, así como coa participación da Unidade de Muller e Ciencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2025