A Xunta destaca a planificación de Galicia para atraer talento dun xeito ordenado fronte ás viraxes do Goberno ante o novo regulamento de estranxeiría

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Ferrol na segunda xornada doI Foro de estranxeiría 2025, na que remarcou a aposta de Galicia por captar traballadores da man das empresas galegas

En materia de emprego, lamentou que no novo regulamento o Goberno desatendeu o posicionamento da Xunta, defensora das microformacións como vía para fomentar a empregabilidade e regularizar ás persoas migrantes en situación irregular

Lado insistiu na necesidade de que o Goberno rectifique un posicionamento que traba un programa cun éxito do 100% na súa primeira edición

Pola súa banda, afirmou que a Xunta seguirá traballando en prol dun mercado laboral máis dinámico e inclusivo, como amosa o documento asinado con países de América Latina e estuda solicitar as competencias administrativas nos permisos de traballo

Ferrol, 21 de maio de 2025

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá en Ferrol na segunda xornada do I Foro de estranxeiría 2025, organizado polo Patronato Concepción Arenal. Na súa intervención, Zeltia Lado recalcou que o Executivo galego é plenamente consciente de que, en materia de emprego, a atracción de talento exterior é fundamental para facer fronte a retos laborais como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional, remarcando que Galicia defende unha inmigración ordenada e en base a un emprego de calidade. 

Nesta liña, a directora xeral puxo en valor o traballo do Executivo galego para promover a inclusión sociolaboral das persoas migrantes na nosa comunidade e a aposta estratéxica por axilizar todos os trámites para que poidan iniciar “un proxecto de vida” na comunidade galega a través dun emprego de calidade e adecuado ao seu perfil profesional. 

A directora xeral contrapuxo a planificación da Xunta en materia de captación de talento -cun foco prioritario nos galegos retornados e unha segunda liña centrada nos traballadores de terceiros países- fronte ás continuas viraxes do Goberno central, como “volveu demostrar unha vez máis no novo Regulamento de Estranxeiría”. Lado lamentou que na elaboración deste documento, en vigor desde onte, o Executivo desatendeu, dun xeito sistemático, o posicionamento da Xunta, defensora das experiencias de curta duración -avaliadas pola Unión Europea e en liña co terceiro sector- coma unha vía complementaria idónea para fomentar a empregabilidade e regularización das persoas inmigrantes que se atopen en situación administrativa irregular, tal e como demostra o éxito da primeira edición do programa autonómico de arraigamento por formación.

O Goberno obstaculiza a formación como vía para o arraigo, cun éxito do 100%


Zeltia Lado lembrou que o novo Regulamento de Estranxeiría obstaculiza este programa pioneiro ao rexeitar as microformacións e os cursos de grao A na regularización por vía formativa, ademais de non ter en conta a entidades como Cáritas para a impartición desta formación. Ante isto, e tendo en conta o éxito da primera edición, Galicia realizou unhas alegacións que nin sequera foron respostadas pese á insistencia da Xunta, que despois de enviar as propostas mandou unha carta e mesmo mantivo unha reunión coa secretaria de Estado de Migracións, Pilar Cancela. Todo foi rexeitado polo Executivo na redacción final do documento. 

Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé na necesidade de que o Executivo estatal actúe con responsabilidade e escoite a Galicia, rectificando un posicionamento que traba un programa cun éxito do 100% na súa primeira edición -o centenar de participantes obtivo o permiso de residencia e un 70%, traballo indefinido-, apoiandose nas microcredenciais para facilitar a capacitación das persoas migrantes en situación irregular e promover a súa integración de xeito ordenado, en base a un emprego de calidade e da man das empresas, facilitando deste xeito a cobertura de vacantes. 

Inistiu ademais en que a Xunta seguirá traballando na súa aposta estratéxica por favorecer un mercado laboral cada vez máis dinámico e inclusivo a través da estratexia destinada á cobertura de vacantes e a remuda xeracional, con medidas destinadas á forza laboral interna -entre as que se encontra, no referido á poboación estranxeira, o mencionado Programa arraigo- e a atracción de talento. Nesta folla de ruta, que incorporou recentemente unha colaboración pioneira con catro países hispanoamericanos, é prioritaria a axilidade administrativa nos permisos de traballo, cuxas competencias a Xunta estuda solicitar ao Goberno central.

Data de actualización: 21/05/2025