A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Vilarmaior avalían o proxecto para mellorar o abastecemento de auga no municipio

O persoal de Augas de Galicia está a revisar o proxecto para dotar deste servizo de abastecemento ás parroquias de San Pedro de Grandal e Santa María de Doroña, que teñen unha poboación de preto de medio milleiro de habitantes

 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avaliou hoxe co alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, o proxecto para mellorar o abastecemento de auga no municipio.

En concreto, durante unha reunión que mantiveron esta tarde en Santiago de Compostela, o rexedor trasladoulle á conselleira a necesidade de dotar do servizo de abastecemento ás parroquias de San Pedro de Grandal e Santa María de Doroña, que teñen unha poboación de preto de medio milleiro de habitantes.

Ángeles Vázquez explicou que o persoal de Augas de Galicia está a revisar o proxecto remitido polo Concello e, unha vez analizado, estudarase a posibilidade de establecer vías de colaboración para acometelo.

Nesa liña, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2025