Villares supervisou os traballos que se están a levar a cabo en máis de 1,2 millóns de m2

A Xunta contribúe á rexeneración do banco de libre marisqueo de Bohído-Ría de Arousa coa semente de 145.700 unidades de ameixa babosa

Os exemplares son o resultado do traballo do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), no marco da liña estratéxica do Goberno galego de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños

Cambados (Pontevedra), 22 de maio de 2025

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, contribúe á rexeneración do banco de libre marisqueo de Bohído-Ría de Arousa coa semente de 145.700 unidades de ameixa babosa, obtidas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O responsable deste departamento, Alfonso Villares, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, supervisaron os traballos que se levarán a cabo nunha superficie total de 1,2 millóns de metros cadrados.

Esta actuación inclúese no liña estratéxica do Goberno galego de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles. Os traballos neste banco da Ría de Arousa constan de dúas fases: a primeira, estase a executar este mes e consiste na remoción de substrato da zona media zona, que abarca unha extensión de 678.424 metros cadrados; a segunda, desenvolverase en xuño nunha superficie doutros 522.193 metros cadrados. Deste xeito, a sementeira realizada hoxe é o resultado do seguimento realizado polos técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), que aconsellaron a remoción e a selección da área na que distribuír esta especie.

Da man dos mariscadores

As propostas de actuación son estudadas cunha perspectiva sistémica e tendo en conta os compoñentes da infraestrutura azul no tocante á preservación e favorecemento da biodiversidade, aplicación da restauración ecolóxica e mantemento dos servizos ecosistémicos. Ademais, e co obxectivo de ser o máis útiles posibles para o sector, son consultadas cos representantes dos mariscadores e, unha vez acordadas as máis convenientes, organízase a súa execución contando cos medios deste profesionais sempre que sexa posible.

A ameixa babosa é un molusco bivalvo que, no ano 2024, adquiriu un valor medio en lonxa de 23,25  euros o quilo. En total, nese exercicio vendéronse 122.576 quilos, alcanzando un valor no mercado de 2.850.274 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2025